DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo constatou un estudo no que participaron máis de 300 persoas

O sedentarismo inflúe negativamente na saúde dos pés, sobre todo nas mulleres

A tese de Romeu Araújo pon de relevo a importancia das actuacións preventivas  

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • Académica
DUVI Pontevedra 25/01/2021

Facer actividade física con regularidade implica numerosos beneficios para a saúde, mais para levala a cabo “é esencial non ter dor ou molestias nos pés”, unha problemática “pouco valorada como fonte de inhibición” de cara á práctica de exercicio, como salienta o podólogo Romeu Araújo, que analizou na súa tese de doutoramento os efectos da falta de actividade física na saúde dos pés. A investigación que levou a cabo con máis de 300 persoas sedentarias de diferentes franxas de idade permitiulle confirmar o impacto negativo dun estilo de vida sedentario na saúde dos pés, que causa un “maior dano” nas mulleres de maior idade e con maior peso, o que á súa vez repercute, sinala, “na súa calidade de vida, principalmente ao diminuír a capacidade para realizar actividades físicas”.

Podólogo na rexión de Porto, Romeu Serra Araújo realizou a súa tese O impacto da saúde do pé na calidade de vida en persoas sedentarias no programa de doutoramento en Educación, Deporte e Saúde da Universidade de Vigo, baixo a dirección do profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela e do investigador da Universidade da Coruña Daniel López. “A falta de investigacións sobre a relación entre os factores asociados coa dor ou a incomodidade nos pés e o estilo de vida sedentario” constituíu, explica, o punto de partida dunha tese que buscaba analizar “o impacto da saúde dos pés na calidade de vida das persoas sedentarias”. Araújo levou a cabo este estudo cunha mostra de 312 persoas de entre 18 e 87 anos, cuxos niveis de actividade física definíanas como sedentarias e que acudiran a consultas de podoloxía en clínicas e hospitais privados na rexión norte de Portugal. A través de diferentes cuestionarios e a posterior análise estatística, a súa investigación buscaba pór en relación unha serie de variables, como a idade, o sexo, o índice de masa corporal (IMC), os niveis de actividade física e a calidade de vida, coa intensidade da dor nos pés, a súa funcionalidade, a comodidade co calzado e a percepción das e os participantes respecto da “saúde xeral” dos seus pés. Os resultados acadados poñen de relevo, sinala o autor da tese, “o impacto que a falta de actividade física ten nos pés a longo prazo” e a necesidade de “actuar de maneira preventiva para que a mobilidade e o nivel de independencia” e polo tanto, a calidade de vida das e os afectados, “non se vexan comprometidos”. Nese senso, Araújo incide en que as diferencias detectadas neste estudo en función do sexo, a idade ou os niveis de IMC fan tamén necesario pór de relevo que as “estratexias de mellora da calidade de vida relacionadas coa saúde do pé, é dicir, as asociadas á práctica de actividade física, deben adaptarse a estes factores para que poidan ser efectivas”.

A idade, factor común

Aínda que o “peor prognóstico” está asociado ás mulleres de maior idade, o envellecemento ten en xeral un impacto na saúde do pé “polo aumento dos problemas osteoarticulares, que causan unha diminución da funcionalidade e unha maior dificultade para elixir os zapatos adecuados”, explica Araújo. Á súa vez, as molestias nos pés limitan a capacidade para desenvolver actividade física e, en consecuencia, afectan “a autonomía e independencia” das e os maiores, polo que, salienta o investigador, trátase dun problema cun “grande impacto na calidade de vida”. De feito, a posta en relación dos resultados da investigación nas diferentes dimensións analizadas permitiu constatar como todas as variables relativas á saúde do pé están influenciadas pola idade. Non en van, “o cambio do patrón da marcha relacionado co envellecemento provoca dor, perda de funcionalidade e limitacións na elección do calzado, na saúde e no benestar do pé”. 

Por outra banda, a variable referida á “comodidade cos zapatos” presenta variacións en función do sexo, rexistrándose maiores limitacións no caso das mulleres, ás que “uso dun calzado desapropiado e factores hormonais e xenéticos” fan que aumente a súa “susceptibilidade de sufrir molestias nos pés”, explica Araújo. “Incluso se non se usan tacóns altos, os zapatos de muller soen ser inadecuados, o que significa que hai unha serie de patoloxías osteorticulares asociadas”, salienta. 

O sobrepeso limita a funcionalidade do pé 

Esta posta en común das diferentes variables da análise permitiu constatar que a funcionalidade do pé, “é dicir, se este che permite realizar todas as actividades ou se é causa de limitación”, depende do índice de masa corporal. Co aumento de peso, explica o investigador e podólogo, “créase unha tensión adicional no sistema locomotor e aumenta a presión no pé, causando varios problemas”, tanto en homes como en mulleres. Deste xeito, o estudo amosou como esta funcionalidade diminuía “a medida que aumenta a idade e o IMC”. Así mesmo, nos casos nos que se rexistraba un aumento do índice de masa corporal e, á vez, un incremento dos niveis de actividade física, rexistrábase igualmente unha diminución da funcionalidade e a percepción da saúde do pé e da comodidade dos zapatos, así como do propio rendemento na actividade. 

Por outra banda, canto menor era o nivel de actividade física das e os participantes, máis elevados eran igualmente os resultados referidos á dor nos pés e a necesidade de adaptar os zapatos. Isto non se daba, explica Araújo, na variable referida á “autopercepción de saúde do pé”, o que pode deberse a que un estilo de vida sedentario pode provocar “unha percepción de incomodidade dos zapatos menor á dunha persoa activa”.