Participaron unha corentena de estudantes, sobre todo do Programa de Maiores e EMAU
A segunda edición do Bioblitz da UVigo identifica máis de 230 especies no campus
Acivros, toxos, violetas do monte, lagartos das silvas… realizáronse 669 observacións
Carballos, acivros, toxos, violetas do monte, lagartos, abellóns, bolboretas… A segunda edición do Bioblitz da UVigo identificou máis de 230 especies no campus. Enmarcado dentro das actividades organizadas con motivo do Día Mundial da Biodiversidade, participaron neste particular percorrido unha corentena de estudantes, sobre todo do Programa Universitario de Maiores, PUM, e do Programa Universitario para o Emprego e a Vida Autónoma, EMAU, ademais de público en xeral.
Tras recibir a información e indicacións precisas, e guiados por colaboradoras e colaboradores da spin-off MycoGalicia Plantae, as persoas participantes dedicáronse durante dúas horas a localizar, fotografar e identificar a flora e fauna do campus empregando a aplicación iNaturalist, que permite a toma e identificación de imaxes xeorreferenciadas.
En total, realizáronse 669 observacións e rexistráronse 236 especies, entre as que abundaron, no que a flora se refire, as especies propias do bosque atlántico, tales como carballos, acivros, toxos, abeleiras, ou incluso un teixo, máis propio dun clima un pouco máis de montaña. Pola que respecta á fauna, fotografáronse varios lagartos das silvas, ras europeas, abellóns, bolboretas propias da península ibérica e, mesmo algunhas especies de eiruga, entre outros moitos animais.
“Todas as plantas son interesantes, non existen as malas herbas”
A xornada arrancou ás 10.30 horas coa benvida na praza Miralles, onde o persoal de Mycogalicia, María Cabaleiro e Hugo Fernández, ofreceron pautas para a exploración. “Todas as plantas son interesantes, non existen as malas herbas”, explicaron na reunión inicial, na que tamén destacaron a importancia de non arrincar as flores nin as plantas para identificalas, evitando así perturbar o equilibrio ecolóxico da zona.
A partir das 11.00 horas, as persoas participantes, organizadas en pequenos grupos ou de forma individual, percorreron diferentes zonas do campus en busca de especies para rexistrar. O reconto final das observacións realizouse ás 13.00 horas no punto de encontro inicial. Tras revisar os rexistros cualificados, procedeuse á entrega de premios, neste caso un grupo de estudantes e egresados/as da Facultade de Bioloxía.
Dentro do programa Ciencia de ida e volta, financiado pola FECYT
Organizado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) dentro do programa Ciencia de ida e volta e financiado coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación y Universidades, desde a organización destacaron a importancia de consolidar o Bioblitz como unha actividade fixa dentro da axenda de divulgación científica da UVigo, subliñando o valor do campus como espazo natural de interés para o estudo da biodiversidade. Ademais, recalcaron tamén o papel fundamental destas iniciativas para achegar a ciencia á cidadanía, fomentar a participación activa na conservación do medio ambiente e promover o respecto pola natureza.
“A boa acollida desta segunda edición confirma o interese crecente pola ciencia cidadá e a vontade da comunidade universitaria de contribuír ao coñecemento e preservación do patrimonio natural”, salientaron desde a UCC.
250 persoas nas actividades do Día Mundial da Vida Silvestre
Ademais do bioblitz, a celebración do Día Mundial da Vida Silvestre na UVigo comprendeu outras actividades paralelas, incluídos varios obradoiros sobre a diversidade do solo para alumnado de centros escolares e dous roteiros científicos interxeracionais nos campus de Ourense e Pontevedra.
Ademais destas dúas actividades nos campus de Ourense e Vigo, tamén se levaron a cabo obradoiros sobre a biodiversidade do solo en centros escolares e paseos científicos en Ourense e Pontevedra. En total, no conxunto de actividades organizadas co gallo do Día Mundial da Vida Silvestre, participaron preto de 250 persoas, cifras que falan da boa acollida das actividades de divulgación. “Agardamos continuar medrando e sensibilizando sobre a importancia da conservación da biodiversidade e o papel fundamental que xoga o medio ambiente na vida das persoas”, remarcaron desde a UCC.