DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dun ciclo de relatorios virtuais promovido por estudantes de CCSS e da Comunicación

A segunda ‘Érték Conference’ deterase nos efectos da covid-19 na publicidade e no márketing 

Dirixidos a achegar ao alumnado as experiencias de profesionais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • TIC
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 13/11/2020

Ampliar a formación do alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a través das experiencias de diferentes profesionais do márketing e a publicidade é o obxectivo co que o pasado ano un grupo de estudantes do grao en Publicidade e Relacións Públicas impulsou por primeira vez a Érték Conference. Nun curso marcado pola situación sanitaria, este evento desenvolverá de xeito virtual, entre o martes 17 e o xoves 19, a súa segunda edición, na que cobrarán especial protagonismo os cambios que a covid-19 ten producido nestes sectores. “Temos moito interese en saber como cambia o comportamento do consumidor na nova normalidade e como se adaptan as empresas a esta situación”, salienta Sara Piñeiro, unha das responsables da organización deste ciclo promovido por un grupo de doce estudantes. 

Representantes de diferentes axencias de publicidade, a responsable de comunicación de Coca-Cola en Galicia, María Troncoso; o community manager do RC Celta, Alberto Graña, ou o responsable de produción do Resurrection Fest, Ángel Piñeiro, forman parte do abano de profesionais que protagonizarán as 15 conferencias que integran o programa deste evento, que conta co patrocinio da facultade e de diferentes empresas e que poderá seguirse a través da plataforma Twitch.

Unha mesa de “influencers” abre o programa

A Érték Conference abrirase o vindeiro martes, tras un vídeo de presentación, “cunha mesa de influencers”, unha das novidades nesta edición. Nela participarán o youtuber ManelAkaForce e a tiktoker Ireniusx. Xa pola tarde, a primeira xornada completarse coas conferencias de Miguel Conde, fundador e director creativo de BAP & Conde; Cristina Rey e Patricia Ferreira, responsables de Mekkdes; e Juan Graña, director de Neurologyca. 

O mércores intervirán neste ciclo Jaime Conde, director xeral de Quattro IDCP; María Troncoso, responsable de comunicación de Coca-Cola; Alberto Graña, xestor de redes do Real Club Celta; Itziar Oltra, responsable de Airhopping, e Carmela Serantes, directora creativa de The Good Shop, pechando a xornada o responsable de produción do Resurrection Fest, Ángel Piñeiro. Por último, o programa do xoves abrirase cun relatorio dos directores creativo e de arte da axencia Tony Le Brand, Alfonso Molinelli e Óscar Parada; tralos que intervirán Sebatián Trotas, responsable de márketing de Krack, e Andrés Lamosa e Jordi Lauren, director de producción e CEO, respectivamente, de PlayPlan. Pola tarde, a segunda Érték Conference pecharase coa participación de Sergio Couto, responsable de comunicación e márketing de Edition; David Serantes e Fernando Rábade, directivos de Mondo Fashion Show; e do fundador do festival O Marisquiño, Carlos Domínguez.