Terá lugar o sábado 9 de novembro
A segunda ruta cultural da UVigo achegarase ao patrimonio natural e cultural de Montederramo
Coa participación de persoas procedentes dos tres campus
A Universidade de Vigo continúa este sábado, día 9 de novembro, a súa programación de roteiros culturais, organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte, coa Ruta 2. Cultura e Natureza (Montederramo-Macizo Central). Será un percorrido de dificultade media, de 18 km, que permitirá ás persoas participantes coñecer o patrimonio cultural e natural desta zona da provincia de Ourense, como o bidueiral de Montederramo e o seu mosteiro. A andaina, indican desde a súa organización, xunta “deporte, a exploración de paraxes naturais e a visita a monumentos históricos, para apreciar a interrelación entre eles”.
Na actividade participarán membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela, habendo en cada andaina autobuses para trasladar as persoas participantes desde os tres campus da UVigo (Ourense, Pontevedra e Vigo). Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Tras esta andaina, tamén en novembro, o día 30, terá lugar a ruta Camiño Patrimonial e Etnográfico (Silleda-Terras do Deza). Por último, o 14 de decembro realizarase a andaina Sendeirismo Saudable (Nogueira de Ramuín-Ribeira Sacra), que rematará cun magosto.