DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Diego Pérez subiu ao podio na categoría masculino 14

Un segundo posto para o equipo universitario na cuarta proba da Liga Galega de Orientación

Nunha carreira celebrada en Paderne, a UVigo obtivo tamén tres cuartas posicións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
Rebeca López Villar DUVI 26/04/2021

19 membros do equipo da Universidade de Vigo viaxaron esta fin de semana a Paderne, A Coruña, onde preto de 400 corredoras e corredores participaron na cuarta proba da Liga Galega de Orientación a Pé. Respectando todos os protocolos establecidos por mor da pandemia da covid-19, as persoas participantes demostraron as súas habilidades no eido da orientación nunha paisaxe ruda na que predomina o bosque de eucalipto.  

Segundo explica José Luis Armada, coordinador do equipo universitario, a proba celebrouse nun terreo complicado, “con numerosos elementos que podían confundir a ruta”. Neste contexto, o equipo da Universidade de Vigo acadou un “meritorio segundo posto” na categoría masculino 14, grazas ao traballo realizado por Diego Pérez, que amosou “concentración na lectura do mapa e unha correcta toma de decisións na elección dos percorridos”. Pola súa banda, Isabel Pastoriza (F35), Begoña Crespo (F45) e Francisco Burgos (M35) obtiveron cuartos postos nas súas categorías. 

O 1 de maio continúa a liga de raids de aventura

O concello de Cambre acollerá a próxima fin de semana a segunda proba da Liga Galega e Española de Raids de Aventura, na que a UVigo terá representación con equipos en varias categorías. Trátase dunha carreira multidisciplinar na que, ademais do esforzo de orientación, as corredoras e corredores practicarán diferentes deportes, como a bicicleta de montaña ou o kaiak.