DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na xornada “Políticas de Seguridade no Marco da Cultura de Defensa”

A seguridade como concepto global, a debate durante dous días

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 13/11/2007

Hoxe tódolos estudantes de Ciencias Sociais botaban unha ollada aos máis de 50 alumnos da Escola Naval Militar de Marín que, ataviados cos seus uniformes, se adentrában na facultade. A razón era a celebración das xornadas sobre “Políticas de Seguridade no Marco da Cultura de Defensa” que, por cuarto ano consecutivo, acolle a Universidade de Vigo co obxectivo de analizar a seguridade desde un punto de vista de política pública. “Cada vez vai a ser máis estreita a colaboración da Universidade coas escolas militares. Os temas de defensa son parte da formación que todos debemos ter”, comentou o decano do Colexio Nacional de Doutores e Licenciados en Ciencias Políticas e Socioloxía, Miguel ángel Ruiz de Arzúa.
Pola súa banda o director do Instituto Español de Estudos Estratégicos (I.E.E.E.) do Ministerio de Defensa, Vicealmirante Jaime Rodríguez-Toubes Núñez, asegurou que “os temas de seguridade e defensa aféctannos a todos, hoxe temos contacto con máis de 30 universidades onde realizamos numerosas actividades que cada vez son máis demandadas”.

As xornadas en detalle

Esta actividade ten a súa razón de ser na posibilidade de suscitar o debate sobre as cuestións máis recentes relacionadas coa seguridade como concepto “global”, é decir, como factor interno e externo de xestión das crises, todo elo no marco da cultura da defensa e no contexto particular da Comunidade Autónoma de Galicia.
O relatorio inaugural veu da man do representante do I.E.E.E., o capitán de corbeta Joaquín Castellón Moreno, quen falou sobre Política de Seguridade Española. Ao longo de todo o día os asistentes poderán escoitar as ponencias Desafíos á seguridade no Mediterráneo e no Norte de África, Forzas Armadas e Medios de Comunicación, e Intelixencia ao Servizo do Cidadán. Para finalizar o día terá lugar a mesa redonda As Políticas Públicas de Seguridade coa destacada presenza da Directora Xeral de Interior, Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galiza, Isabel Durántez. As sesións, presididas polo decano da facultade, Alberto Pena, rematarán este mércores cunha visita guiada para todos os participantes á Escola Naval Militar de Marín.

A Cátedra Almirante Álvarez Osorio

A Universidade de Vigo mantén contacto con empresas e institucións a través de distintas cátedras, cada unha delas cun cometido claramente definido. A Cátedra Almirante Álvarez Osorio subliña as boas relacións de colaboración entre a Universidade e a Escola Naval Militar de Marín, patente tanto na área das telecomunicacións como no uso das instalacións deportivas do campus de Pontevedra polo persoal militar da Escola.