DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres presentouse a programación de extensión universitaria do campus

Seis cursos e 359 prazas para continuar formándose os vindeiros meses

Entre as novidades están actividades de prototipado e de parentalidade positiva

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 04/05/2018

359 prazas, seis cursos de temáticas diversas a desenvolver en Ourense cidade e concellos da provincia, unha media de 30 horas de duración e prezos que non superan os 50 euros. Con estas cifras preséntase a programación de cursos de extensión universitaria que este curso académico se organizan desde o campus de Ourense. Con ela, persoas pertencentes ou non á comunidade universitaria terán a oportunidade de continuar formándose nos vindeiros meses. Entre as novidades deste ano están actividades de prototipado con ferramentas 4.0 e de parentalidade positiva.

A programación foi presentada este venres no Centro Cultural Marcos Valcárcel por Virxilio Rodríguez, vicerreitor en funcións do campus de Ourense, e Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial de Ourense, estando presentes directores e directoras dalgúns dos cursos. Durante o acto, Virxilio Rodríguez salientou como esta programación é posible grazas tanto “á vocación de cooperación interinsitucional” como a “de servir á sociedade” que guían a política do campus. Con eles, recalcou, conséguese “levar as aulas alén das fronteiras físicas do campus de Ourense” e ofrecer formación a todo tipo de públicos co único requisito de “ter interese en aprender”. Pola súa banda, Manuel Baltar subliñou como con estes cursos se “pon en valor todas as nosas características como provincia”, desde o turismo ao medio ambiente. O presidente provincial tamén destacou tanto a calidade desta oferta formativa como o feito de que a súa celebración non se centra na cidade de Ourense e chega a outros puntos da provincia.

Novidades no campus

O prazo de inscrición nestes cursos de extensión, financiados pola Deputación de Ourense, está aberto desde este venres 4 de maio. Tres deles terán lugar na cidade de Ourense. Entre eles, o curso Experto en prototipado con ferramentas 4.0: proxectos robóticos, electrónicos e microinformáticos, dirixido polos profesores da Escola Superior de Enxeñaría Informática Florentino Fernández e José Ramón Méndez, será impartido no Centro de Innovación Social Dixital La Molinera, do Concello de Ourense, entre o 5 de xuño e o 18 de xullo. Entre os seus obxectivos estarán capacitar ao alumnado para o desenvolvemento de circuítos electrónicos; deseñar e fabricar prototipos electrónicos e programables funcionais; comprender os fundamentos básicos do deseño de placas de circuíto impreso ou iniciar ás e aos participantes no deseño e impresión 3D e en Arduino.

Outra das novidades da programación deste ano en Ourense é o curso Parentalidade positiva e mediación familiar, dirixido por María José Vázquez e impartido do 4 ao 6 de xuño. Con 124 prazas dispoñibles, os seus obxectivos serán ofrecer, desde unha perspectiva multidisciplinar, coñecementos teóricos e técnicos sobre o manexo da mediación nos conflitos familiares e ensinar técnicas que favorecen o exercicio das responsabilidades parentais, atendendo a particularidade das familias que se encontran nunha situación de risco psicosocial.

Tamén na Facultade de Ciencias da Educación impartirase o curso Educación da voz e do discurso. Pedagoxía para unha comunicación eficaz, dirixido por Santiago Pato e Tania Cid. Con 50 prazas dispoñibles, esta formación impartirase do 17 de setembro ao 5 de outubro nela as persoas participantes terán a oportunidade de coñecer o aparato fonador, o seu coidado e a súa hixiene funcional e recursos para unha axeitada educación e uso da voz ademais de mellorar a súa capacidade para facilitar a transmisión da mensaxe oral e a estruturación do discurso, entre outras cuestións.

Tres opcións fóra de Ourense cidade

Tres serán os cursos de extensión universitaria que se celebrarán fóra do campus de Ourense. A formación Turismo de benestar baseado na cultura da produción tradicional do viño, da cervexa e da sidra, dirixida por José Antonio Fraiz e Noelia Araújo, volverá a celebrarse no Concello de Allariz, o balneario de Cuntis e a sidraría Lagar de Ribela, na Estrada, do 26 ao 28 de setembro. A temática do curso versa sobre a vinculación do turismo con sectores de produción artesanal en auxe na actualidade.

Xa no Concello de Muíños, concretamente no seu albergue, celebrarase do 6 ao 8 de xuño unha nova edición do curso Retos e perspectivas para a conservación do medio ambiente no século XXI, dirixido polos profesores da Facultade de Ciencias F. Javier Rodríguez Rajo e Mª Carmen Seijo. Con 40 prazas dispoñibles, na formación “tratarase de avaliar, dende un punto de vista científico, a importancia que teñen elementos como a conservación da biodiversidade, a salvagarda das cadeas tróficas, a loita contra o cambio climático ou a contaminación nas empresas no futuro desenvolvemento sostible da nosa sociedade”.

Por último, o Concello de Celanova volverá a acoller unha nova edición do Curso de Medios Audiovisuais no que participa cada ano alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra elaborando un produto audiovisual. Dirixida por Miguel Anxo Fernández e no marco da Cátedra Carlos Casares, a formación levarase a cabo do 3 ao 6 de xullo baixo o título A narrativa audiovisual do presente: vieiros, formatos, pantallas e conta con 60 prazas dispoñibles.