A programación desenvolverase os días 18, 19 e 20 de maio
Seis investigadoras e investigadores do campus levarán a ciencia ás cafeterías nunha nova edición de Pint of Science
Serán charlas divulgativas abertas ao público interesado
A cidade de Ourense súmase un ano máis á celebración do 18 ao 20 de maio dunha nova edición do festival divulgativo Pint of Science, que contará con arredor de 1300 charlas e eventos en 114 cidades e municipios de toda España. O Café&Pop Torgal acollerá os tres días de programación conferencias divulgativas, abertas ao público xeral interesado, de seis investigadoras e investigadores do campus de Ourense e diferentes disciplinas.
Ciencia para un futuro sostible
Alén dos patrocinadores xerais da Pint of Science en España, no caso de Ourense tamén colaboran coa iniciativa a Vicerreitoría do campus, as facultades de Ciencias e Historia e a Área de Normalización Lingüística. O día 18, ás 18.00 horas, terá lugar a primeira sesión, que co título Ciencia para un futuro sostible: da terra á mesa achegarase “aos retos ambientais e de saúde que definen o noso tempo” e a como “a ciencia busca solucións innovadoras dende a base”. Nuno Muñoz, investigador do grupo BiotecnIA (Biotecnoloxía Industrial e Enxeñería Ambiental) abordará o potencial dos insectos comestibles como alternativa sostible ás proteínas tradicionais. “Por que interesan tanto? Que vantaxes teñen e que frea o seu consumo? Nesta charla exploraremos o seu potencial dentro dos retos actuais da alimentación”, sinala o convidado. Ademais, falará do traballo que realizan no seu grupo de investigación de transformación de insectos en produtos de valor engadido como proteínas, quitina, encimas ou mesmo biofilms.
Seguiralle Sabela Pérez, do Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia, cunha charla sobre os mitos misóxinos na manosfera dixital. Na súa intervención analizará o impacto deste fenómeno, sobre todo en redes sociais e xurdido como reacción ao feminismo, e desentrañará algúns dos mitos e bulos que difunde. Será, indica a investigadora, “unha oportunidade para entender como se constrúen estes discursos e aprender a detectalos cunha ollada crítica”.
Resistencia ambiental e innovación docente
O día 19, no mesmo lugar e á mesma hora, celebrarase a segunda sesión de Pint of Science Ourense co título Retos do século XXI: resistencia ambiental e innovación docente. “Desde o estudo de solucións ambientais e da saúde no noso solo ata a transformación do modelo educativo na era dixital, estas charlas exploran como a investigación de vangarda impulsa un futuro máis sostible e mellor conectado”, comentan desde a organización. Vanesa Santás, do grupo de investigación BV1 Pranta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos, falará do solo e a resistencia aos antibióticos. “Baixo os nosos pés hai un universo invisible cheo de vida. Os microorganismos do solo non só sosteñen os ecosistemas, senón que tamén inflúen na saúde global. Nesta charla descubriremos como o solo participa na aparición e propagación da resistencia aos antibióticos, un dos grandes desafíos actuais, e que solucións se están a investigar desde a microbioloxía do solo”, apunta a investigadora da UVigo.
Pola súa banda, a Manuela Raposo, do grupo de investigación Cooperación en Investigación para a Equidade Educativa e Social, ofrecerá a charla Titorizar a Formación Dual na era dixital. “A Formación Dual está en expansión na universidade española, pero implica coordinar o ámbito académico e o profesional”, sinala a profesora do campus. Na charla analizará as condicións e como se titorizan estas prácticas, as ferramentas como os ePortafolios, as eRúbricas ou as videoanotacións para mellorar o seguimento, a comunicación e a avaliación; que riscos e oportunidades xorden ante o impacto da intelixencia artificial e se estamos preparados para asumir os novos retos neste eido.
Alimentando o futuro
A terceira e última sesión será o día 20, tamén ás 18.00 h no Café&Pop Torgal, e leva por título Alimentando o futuro: do mar á tradición. Nela explorarase “o potencial transformador de dous piares fundamentais da nosa contorna: o mar e as raíces culturais”. Adela Alvaredo, do grupo Bio2Val Biorefinería e Valorización da Biomasa, ofrecerá a conferencia Algas: da area ao prato. “As algas que vemos na praia poden ser moito máis que parte da paisaxe. Nesta charla exploraremos como algunhas especies poden transformarse, mediante procesos sostibles, en ingredientes alimentarios con alto valor nutricional. Falaremos dos seus beneficios para a saúde e do seu papel nunha alimentación máis sostible, conectando o mar co noso día a día”, apunta a investigadora da UVigo.
Por último, María García, do grupo AA1 Investigacións Agrarias e Alimentarias, falará sobre o valor dos alimentos tradicionais. “Son moito máis que receitas: son cultura, saúde e sostibilidade. Nesta charla descubriremos por que o seu consumo se asocia a dietas máis equilibradas e como a súa produción local contribúe a reducir o impacto ambiental. Recuperalos non só protexe a biodiversidade, senón que tamén apoia as economías rurais e conéctanos co noso pasado”, afirma.
