DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A programación de extensión universitaria desenvolverase en xullo e setembro

Seis novos cursos de verán para aproveitar mellor as vacacións

Abranguen un amplo abano de temáticas, desde a violencia sexual e drogas ata a arqueoloxía

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 27/05/2021

Co curso 2020/2021 na súa recta final, é o momento de buscar opcións formativas para o verán que se aveciña. Entre as posibilidades existentes está a programación de extensión universitaria que cada ano se oferta desde o campus de Ourense. Nesta ocasión son seis os cursos que se realizarán e neles apóstase por unha programación renovada respecto a edicións anteriores, cun carácter na maioría dos casos presencial e cunha ampla diversidade de temáticas, abranguendo desde as drogas e a violencia sexual ata a arqueoloxía.  

Os cursos, organizados pola Vicerreitoría do Campus de Ourense con financiamento da Deputación de Ourense, desenvolveranse nos meses de xullo e setembro, oscilando as súas prazas entre as 25 e as 50 e o número de horas entre as 30 e as 34. Por cada 30 horas de formación, as persoas matriculadas poden obter un crédito ECTS. Os prezos tamén varían en función do tipo de curso e do tipo de público. Deste xeito, as taxas abranguen desde os 6,5 e 10 euros que teñen que pagar respectivamente membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela nun curso sobre medio rural ata os 55 e 35,75 euros que respectivamente pagarían nun sobre violencia sexual e drogas. As persoas interesadas poden inscribirse de xeito virtual a partir do día 4 de xuño.

O primeiro dos cursos que se celebrará titúlase Da violencia sexual ás drogas facilitadoras do asalto sexual: submisión química vs. vulnerabilidade química. Dirixida polo profesor da Facultade de Educación e Traballo Social Manuel Isorna, a formación levarase a cabo a través do Campus Remoto da UVigo do 12 ao 15 de xullo. Nela, especialistas de diferentes universidades estatais e de diversas institucións abordarán esta temática de actualidade, achegándose a temas como a submisión e vulnerabilidade química en delitos sexuais con agresores múltiples; o papel do laboratorio na axuda ao diagnóstico de casos; o consentimento sexual ou a análise criminal da submisión química.

Programación en setembro

O resto de formacións celebraranse xa no mes de setembro. A primeira delas será, do 1 ao 9, Estratexias para o desenvolvemento do medio rural: unha visión dende a economía social, dirixida por Alberto Vaquero e María Montserrat Cruz, da Facultade e Ciencias Empresariais e Turismo. Este curso mesturará conferencias presenciais con visitas a proxectos empresariais da contorna (como Viña Costeira, Coren e Aboamigalla) co obxectivo de afondar na economía social como instrumento para o desenvolvemento económico do medio rural, achegándose a aspectos como o cooperativismo e o márketing.

Seguiralle, do 6 ao 10 de setembro, o curso Potencial da biomasa residual como fonte de produtos de alto valor engadido: un avance cara a sustentabilidade, dirixido desde a Facultade de Ciencias por Beatriz Gullón, Gil Garrote e Pablo García. Nel investigadoras e investigadores de universidades estatais e lusas abordarán, de xeito presencial ou virtual segundo o caso, a revalorización de biomasa residual no contexto da bioeconomía e a economía circular, achegándose ao aproveitamento de subprodutos da industria agroalimentaria e forestal, como palla de cebada, aceites vexetais ou restos de patacas.

Do 20 ao 29 de setembro, a Facultade de Educación e Traballo Social acollerá á súa vez un curso sobre Como facer fronte ao estrés, dirixido pola psicóloga e profesora deste centro Encarnación Sueiro. Nel, o alumnado afondará, desde un punto de vista teórico pero tamén práctico, na aplicación das diferentes estratexias para facer fronte ao estrés en diferentes ámbitos.

Xa fóra do campus de Ourense, do 23 ao 25 de setembro o Hospital da Trinidade na vila ourensá de Monterrei acollerá a celebración do curso Arqueoloxía, prehistoria e historia nas terras de Monterrei, dirixido polo arqueólogo Martiño Xosé Vázquez. Na actividade, o alumnado poderá achegarse, da man de historiadores de diferentes institucións e a través tanto de conferencias como de visitas guiadas, a diferentes momentos da historia desta zona.

Por último, un ano máis a programación de extensión universitaria do campus inclúe a celebración do Curso de Medios Audiovisuais, que nesta ocasión traslada a súa celebración de Celanova á cidade de Ourense. Baixo a dirección do profesor Miguel Anxo Fernández e co título Rodado en Ourense. Os novos desafíos e transformacións do audiovisual galego, a cita terá lugar do 27 ao 30 de setembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Como en edicións anteriores, a programación achegarase ás últimas producións audiovisuais galegas de man de membros dos seus respectivos equipos, sendo nesta ocasión protagonistas as producións Melancolía, Live is Life, Cuñados e Valentina. Tamén se celebrará, por décimo ano, o Taller Audiovisual Plató de Ficción, baixo a dirección do profesor Paulino Pérez e no que alumnado de Comunicación Audiovisual da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da UVigo produce unha peza audiovisual.