DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Continúa aberta a inscrición nunha serie talleres dirixidos ao conxunto da cidadanía

Seis obradoiros amplían a oferta formativa do campus este outono

Cine, terapia con cans, microcontroladores e xustiza terapéutica centran as novidades 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Estudantado
  • Igualdade
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 10/09/2019

Pensados tanto para ampliar a formación do alumnado do campus en diferentes ámbitos como para espertar o interese do conxunto da cidadanía, co inicio do curso chega tamén a oportunidade de adquirir novos coñecementos nos obradoiros de Extensión Universitaria impulsados pola Vicerreitoría do campus para este outono. Seis talleres de 30 e 20 horas conforman este programa formativo que mantén aberta a súa inscrición e que incorpora como novidades catro obradoiros centrados en terapia asistida con cans, programación de microprocesadores, xustiza terapéutica e dirección de actuación no cinema. Xunto a estes, desenvolveranse tamén neste primeiro cuadrimestre novas edicións dos talleres de iniciación á lingua de signos e control de son en radio.

Cun total de 100 prazas no seu conxunto e con diferentes prezos segundo se trate de integrantes da comunidade universitaria e público en xeral, estes obradoiros buscan por unha banda “ofertar ao alumnado unha formación que ou ben é transversal ou que moitas veces non se pode abordar dun xeito extenso no curso académico”, salienta o vicerreitor do campus, Jorge Soto. “Procuramos sempre que sexan cursos atractivos e innovadores”, engade Soto respecto dunha serie de actividades que manteñen aberta a súa matrícula na plataforma Culturxest.

Catro novidades

Entre os obradoiros que se promoven por primeira vez figura Interpretación e dirección de actuación para a cámara, un taller impartido pola titulada en Comunicación Audiovisual Anxos Fazáns, directora da longametraxe A estación violenta. Ciencias Sociais e da Comunicación será a sede, entre outubro e decembro, dun taller no que Fazáns abordará diferentes aspectos sobre linguaxe fílmica, planificación de secuencias ou traballo de guión, á vez que buscará que as e os participantes perdan o medo a cámara. Tamén en outubro dará comezo, na Escola de Enxeñaría Forestal, o taller Programación de microcontroladores aplicada aos ámbitos de estudo do campus, impartido polo alumno Esteban Oubiña. Abordar diferentes aspectos relacionados coa programación deste tipo de procesadores, a robótica e a utilización de sensores será o propósito central dun taller que buscará axudar ao alumnado a desenvolver habilidades para a busca de solucións a problemas reais a través das novas tecnoloxías.

Entre o 25 de outubro e o 29 de novembro terá lugar en Ciencias da Educación e do Deporte o obradoiro Xustiza terapéutica e prácticas restaurativas que dirixen a catedrática Francisca Fariña e a profesora María José Vázquez Figueiredo. Coa participación como docentes de dous instrutores do International Institute for Restorative Practices, o taller introducirá ás e aos participantes no paradigma da xustiza terapéutica, que ten como obxectivo que a aplicación da lei incida positivamente no benestar dos usuarios e usuarias da xustiza. Nesta facultade desenvolverase así mesmo, entre o 12 e o 21 de novembro, o taller Deseño, implantación e avaliación de programas de terapia asistida con cans. Dirixido pola catedrática Margarita Pino, o obradoiro buscará dotar ao alumnado das ferramentas necesarias para deseñar e levar a cabo programas de educación asistida con cans, así como achegalos aos recursos e estratexias didácticas máis habituais neste eido.

E dúas propostas que continúan

Entre os obradoiros que repiten presenza nesta programación figura Comunícate coas mans. Lingua e cultura da comunidade xorda, taller que se desenvolverá en Ciencias Sociais e da Comunicación a partires do 23 de setembro. Dirixido pola profesora Ana Fernández Soneira, este taller ten como obxectivo iniciar ao alumnado na comunicación básica da lingua de signos española, así como achegalo ao contexto social, lingüístico e educativo no que se desenvolven as persoas xordas. Tamén nesta facultade, no mes de novembro, celebrarase unha nova edición de Control de son en radio, un obradoiro dirixido pola catedrática Aurora García e impartido polo técnico e locutor José María Bará que buscará familiarizar ás e aos asistentes co posto de control de son nunha emisora radiofónica.