DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os galardóns son froito da colaboración entre a UVigo e Viaqua

Seis traballos acadan os IV Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga

Están realizados por persoal docente e investigador e alumnado da Universidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Investigación
DUVI Ourense 07/03/2022

Seis traballos realizados por persoal docente e investigador e alumnado da Universidade de Vigo son os gañadores dos IV Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga, convocados anualmente pola Vicerreitoría do Campus de Ourense. Trátase dunha tese de doutoramento, dous traballos fin de grao, dous artigos de investigación e unha publicación divulgativa centrados nos recursos hídricos desde diferentes perspectivas. Os galardóns, que se entregarán nunha gala que está previsto que se celebre a principios do mes de abril, están dotados en total con 3600 euros por Viaqua no marco do convenio de colaboración existente entre esta empresa e a Universidade de Vigo.

Dun modelo hidráulico á contaminación fluvial

O premio á mellor tese de doutoramento foi para Desenvolvemento e optimización do modelo hidráulico Iber+: aplicación a eventos de risco, realizada por Orlando García, investigador do Environmental Physics Laboratory (Ephyslab-CIM), da Universidade de Vigo, e dirixida por José Manuel Domínguez e Arno Formella. O seu traballo centrouse no ámbito da computación de alto rendemento, concretamente no programa Iber, referente internacional en modelaxe numérica de auga en dúas dimensións en cuxo desenvolvemento participa Ephyslab. O investigador aumentou a eficiencia computacional dos módulos hidrodinámico e de calidade de augas de Iber para mellorar a súa aplicación na análise e xestión de eventos de risco. Estas implementacións foron aplicadas no sistema Midas de alerta temperá de inundacións para o río Miño.

Na modalidade de traballos fin de grao e mestrado, foi premiado o traballo fin de grao Aproveitamento xeotérmico para espazo termal de uso lúdico: Burga do Muíño, Ourense, realizado polo alumno da Facultade de Ciencias Rubén González e titorizado polos profesores José Ángel Cid e Pedro Araújo. Tamén se concedeu un accésit ao alumno do mesmo centro Mamadu Seideba polo seu traballo fin de grao Mellora do sistema de abastecemento de auga para consumo humano nunha poboación de Guinea Bissau, dirixido pola profesora Concepción Pérez Lamela.

O galardón á mellor contribución científica contribución científica foi para o artigo Hydrometereological droughts in the Miño-Limia-Sil hydrographic demarcation (northwestern Iberian Peninsula): the role of atmospheric drivers, do que é autor Rogert Sorí e coautores Marta Vázquez, Milica Stojanovic, Raquel Olalla Nieto, Margarida Liberato e Luis Gimeno, membros do grupo Ephyslab. Publicado en Natural Hazards and Earth System Sciences, da European Geosciences Union, no traballo identificáronse as secas meteorolóxicas que afectaron á demarcación hidrográfica Miño–Limia–Sil durante o período 1980-2017, facendo fincapié na investigación da circulación atmosférica como impulsora de diferentes condicións de seca. Investigadores do mesmo grupo xunto a outros colaboradores acadaron tamén un accésit nesta categoría polo artigo publicado na revista Water MIDAS: A New Integrated Flood Early Warning System for the Miño River, do que é autor Diego Fernández e coautores Orlando García, José González Cao, Carlos de Gonzalo Aranoa, José Antonio Rodríguez, Carlos Guillermo Ruiz e Ramón Gómez Gesteira. Nel presentan o Miño Flood Alert System (Midas), sistema de alerta temperá de inundacións para a conca internacional Miño-Limia. Este sistema é froito do proxecto Risc Miño-Limia, financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg V-A España-Portugal (Poctep) e liderado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil.  

Por último, os premios distinguiron a publicación divulgativa Contaminación fluvial, cuxo autor é o biólogo e profesor da UVigo Manuel Ángel Pombal e coautores os tamén biólogos Noé Ferreira e Alfredo López. Trátase dun caderno didáctico e monográfico editado pola asociación ANABAM no marco do proxecto Contaminantes Emerxentes nas Augas de Galicia-Norte de Portugal (Norwater).

Consolidar o Campus Auga

Estes galardóns, outorgados por unha comisión de valoración, pretenden estimular a promoción do Campus Auga, proxecto de especialización do campus de Ourense, distinguindo accións destacadas de persoal docente e investigador e alumnado da Universidade no ámbito da investigación, a transferencia e a divulgación que contribuían a situar e consolidar este campus como un referente internacional en temáticas relacionadas coa auga. Segundo a categoría, a contía do premio oscila entre os 500 e os 800 euros, suxeita ás retencións do IRPF que estableza a normativa vixente.