Na concentración que desenvolven ata o domingo na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte
A selección española prepara no campus a olimpíada de xadrez para persoas cegas
Mediranse a diferentes xadrecistas do EXP-UVigo
O vindeiro martes 17, arranca na localidade serbia de Vrnjacka Banja a décimo sétima edición da Olimpíada de Xadrez por Equipos para persoas cegas e con discapacidade visual, que reunirá xadrecistas de 28 países. Entre eles, España, que estará representada polos cinco deportistas que desde este venres preparan a súa participación neste torneo na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Este centro do campus pontevedrés foi escollido pola Federación Española de Deportes para Cegos (FEDC) como sede da concentración preparatoria dun equipo adestrado polo director técnico da Escola Xadrez Pontevedra (EXP), Daniel Rivera, que ten entre as súas filas ao xogador do EXP-UVigo David Fernández.
Coa EXP e a Universidade como anfitrións, a concentración desenvólvese entre este venres e o domingo 15 e arrancou na tarde deste venres cunha recepción ás e aos integrantes do combinado español, coa participación da alcaldesa accidental Eva Vilaverde; a concelleira de Deportes, Anabel Gulías; o director da Once en Pontevedra; Eloy Hermelo; o director do Centro de Recursos Educativos da Once, José Ángel Abraldes, e o profesor da facultade Iván Martínez.
Enfrontamentos cos xadrecistas locais
A continuación, os participantes nas olimpíadas disputaron unha serie de preparatorias cunha selección de promesas do EXP-UVigo, que se verán complementadas polas partidas que na mañá do sábado enfrontaranos a un combinado sénior do club universitario. Xa a tarde do sábado e a xornada do domingo dedicaranse a traballo preparatorio dun torneo no que o EXP-UVigo estará dobremente representado. Por unha banda, pola participación como seleccionador internacional do mestre internacional Daniel Rivera e, por outra, por David Fernández Lago, dúas veces campión de España e cuarto clasificado en 2024 no mundial individual da Federación Internacional de Deportes para Cegos (IBSA).
Completan o equipo española Daniel Pulvett, campión mundial xuvenil IBCA e subcampión do mundo FIDE para persoas con discapacidade; Roberto Clemente, bronce no Campionato de Europa IBCA en 2024; Miguel Arnedo, actual subcampión de España de xadrez para cegos, Esmeralda Sánchez, campioa de España e subcampioa mundial IBSA.
Nese senso, os éxitos logrados polos integrantes deste equipo sitúan o equipo español como cuarto cabeza de serie no torneo por equipos máis prestixioso do mundo desta disciplina, unha competición promovida pola Asociación Internacional de Xadrez en Braille (IBCA), que reunirá 28 seleccións de catro continentes e ao que España acude co obxectivo de loitar polas medallas, como destacan desde a EXP.
O feito de contar con dous representantes nestas olimpíadas súmase aos outros éxitos acadados nas últimas semanas por outros deportistas do EXP-UVigo, como David García Sobrino, que a pasada semana proclamábase campión galego de xadrez rápido, mentres que Rubén Fernández acadaba neste torneo a medalla de prata na modalidade lóstrego. Semanas antes, David Fernández lograba a vitoria no torneo internacional para xadrecistas cegos disputado en Eslovenia, tamén como membro da selección española.