DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa presentación de diferentes intervencións de alumnado de Belas Artes e Esdemga

O selo do Campus Crea déixase sentir no Festival Sinsal Son Estrella Galicia

Convertido nun dos máis singulares de Europa, volveuse contar co patrocinio da Unidade de Igualdade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Arte
  • Igualdade
  • Cultura
D. Besadío DUVI 27/07/2018

Consolidado xa como un dos eventos musicais máis singulares de toda Europa, este xoves arrancou na illa de San Simón unha nova edición do Festival Sinsal Son Estrella Galicia, a gran cita dos artistas comprometidos coa creación contemporánea e no que, un ano máis, a Universidade de Vigo tamén quixo colaborar, tanto a nivel patrocinio, a través da Unidade de Igualdade, como da participación do alumnado de Belas Artes e Esdemga, que atopa aquí un escenario único no que proxectar os seus traballo a un público amplo e no que compartir cartel con outros artistas que tamén están a iniciar a súa carreira. 

Dende a Facultade de Belas Artes levan anos colaborando con este festival, “practicamente desde os seus inicios”, pero desde hai xa uns anos a colaboración tornouse máis formal e pasou a converterse nunha experiencia denominada Campus Illa San Simón, unha iniciativa coordinada polos profesores da Facultade de Belas Artes Nacho Barcia e Fernando Suárez e xurdida ao abeiro do Campus Crea S2i, o proxecto de especialización do campus de Pontevedra.

“Cada edición tentamos levar a cabo experiencias distintas. O primeiro ano, por exemplo, organizamos un campus no senso máis tradicional deste palabra cun grupo de alumnas e alumnos de distintas titulacións traballando na propia illa e, o ano pasado, creáronse grupos multidisciplinares nos que se desenvolveron diferentes proxectos creativos, desde instalacións sonoras ata animación 3D”, explicou Barcia, que remarcou tamén o apoio que presta a esta iniciativa a Unidade de Igualdade. 

Arte en forma de video-instalación e acción sonora 

Este ano a colaboración co festival traduciuse na presentación, “por primeira vez ante o público”, de dous proxectos creados por artistas novos formados na Facultade de Belas Artes: unha vídeo-instalación realizada por Noa Rodríguez e unha acción sonora asinada por Cristian Benitez. No caso da vídeo-instalación, que poderá visitarse na capela de San Pedro ata o vindeiro domingo, trátase dunha obra realizada a partir do traballo fin de grao desta egresada e que se constrúe  como un rexistro de retratos e paisaxes en soporte de imaxes audiovisuais, de carácter observacional e filmadas ao longo destes últimos cinco meses. Con ela a autora pretende desmentir a concepción humana do límite físico, “mostrando que conteñen certas prolongacións que van máis aló de nós, máis aló das ordes limitadas e estruturadas que provocamos no mundo coa nosa presenza, sen poder ver habitualmente os itinerarios que convocamos e as dimensións de materia e enerxía ás que afectamos e que nos afectan”, recalca a artista.

Polo que respecta ao proxecto de Cristian Benitez, xurdido tamén dun traballo da facultade, é unha adaptación dun acción sonora realizada en 2017 e nela un grupo de cinco intérpretes –estudantes todos da propia facultade- empregan diferentes dispositivos conectados á web, desde teléfonos intelixentes, ata computadoras e tabletas, para acceder a diversas páxinas de internet, descargar vídeos, enviarse mensaxes entre si... seguindo un plan establecido polo autor pero producíndose sons de maneira máis ou menos aleatoria. Ao longo de dúas horas propúxose ao público un achegamento a unha escoita activa dos sons producidos por dispositivos tecnolóxicos que a día de hoxe acompañan a calquera persoa. “Non é música ao uso, senón un espectáculo de arte sonoro, case como unha performance”, recalcou Barcia.

Escenario de excepción para unha editorial de moda

No caso de Esdemga a colaboración chegou nesta ocasión da man de Claudia González e Raquel Barbosa, dúas alumnas que están a facer as súas prácticas curriculares na empresa galega D-due, e que foron as principais encargadas da realización na illa onte pola tarde dunha editorial de moda, unha pequena campaña de comunicación, pensada sobre todo para redes, dunha microcolección que está facendo esta marca para o mercado xaponés. 

“Foi un traballo de comunicación de moda na que as estudantes foron as que se encargaron de organizar toda a produción da campaña e na que contaron coa colaboración do profesor Fernando Suárez para todo o tema fotográfico”, explica Lola Dopico, directora destes estudos, que fixo fincapé en que o alumnado de Esdemga, a parte de todo o que é deseño, recibe tamén moita formación sobre fotografía de moda e sobre como se planifica e se produce unha campaña. “Con esta experiencia o que fixeron as nosas alumnas foi pór todo isto en práctica cunha marca real e para un mercado moi concreto”, recalca Dopico.

As imaxes tomadas en San Simón empregaranse agora para unha newsletter da marca. “Elas foron as encargadas de seleccionar as modelos, buscar as localizacións, implicar ao público... Trátase, en definitiva de artellar toda unha historia arredor do festival e vinculalo a esta colección cápsula”, explica a directora, ao que engadiu que desde Esdemga  “sempre colaboramos co festival en todo o que podemos, xa que os seus organizadores son grandes colaboradores da nosa titulación, pois, entre outras cousas, eles son os que fan toda a produción musical para Debut”.