DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Grupo Cuevas e a Universidade de Vigo crean www.dietaatlanticogallega.com

Un 'semáforo nutricional' permite deseñar na web unha dieta saudable cos pratos tradicionais de Galicia

O portal deixa elixir e axustar menús e facer a lista da compra, entre outras funcións

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 01/02/2011

A cociña tradicional galega e as novas tecnoloxías veñen de encontrar na web un punto de encontro moi frutífero para os amantes da boa pero saudable gastronomía. Trátase da portal www.dietaatlanticogallega.com, unha web creada polo Grupo Cuevas e na que traballaron durante dous anos varios grupos de investigación da Universidade de Vigo. A ferramenta permite aos seus usuarios configurar un menú cos típicos pratos galegos pero dun xeito equilibrado, xa que un “semáforo nutricional” lles axudará a axustar a súa dieta ata que sexa boa para a súa saúde. A iniciativa é, segundo os seus responsables, única porque alén dun recetario ofrece unha información nutricional de calidade feita con criterio científico.

Durante o acto de presentación este martes do portal, Mª Victoria Jato, vicerreitora de Investigación e Transferencia do Campus de Ourense, salientaba que este proxecto, desenvolto a través da Cátedra Cuevas, é dobremente satisfactorio “porque é o froito do traballo de grupos de investigación da Universidade de Vigo e porque é un traballo feito en beneficio das empresas e da sociedade en xeral”. Unha simbiose empresa-universidade que tamén destacou Artur Yuste, director xeral do Grupo Cuevas de Alimentación, para quen a Universidade de Vigo é “un valioso aliado en todos os proxectos que desenvolvemos”.

300 receitas e dous anos de traballo

A web www.dietaatlanticogallega.com é froito de dous anos de traballo do Grupo Cuevas e de dous equipos da Universidade de Vigo, no que a parte científica estivo dirixida polos profesores da Facultade de Ciencias Lorenzo Pastrana e Federico Mallo e a parte técnica polo profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática Florentino Fernández. Durante este tempo, os investigadores recompilaron arredor de 300 receitas características da dieta atlántico-galega e analizaron o seu valor e composición nutricional. Con esta información de base, deseñaron unha web na que o usuario pode ver as receitas dos diferentes pratos, escoller os que desexe e ver cantas quilocalorías, proteínas, hidratos de carbono e graxas ten cada prato e cada menú.

Para axudar aos usuarios a mellorar a súa alimentación, a web conta cun “semáforo” nutricional, unha ferramenta que segundo explica Federico Mallo, “permite, tomando como referencia os estándares en nutrición, axustar os menús ás marxes axeitadas pero atendendo aos nosos gustos”. Isto tradúcese en que cando o menú ou produtos elixidos polo usuario superan os valores nutricionais saudables, o “semáforo” alerta en laranxa ou vermello da necesidade de modificalos. Cambiando os pratos ou as súas composicións, a persoa poderá ir configurando un menú ao seu gusto pero bo para a súa saúde. “Galicia recoñécese pola súa gastronomía e hai moitos recetarios de cociña típica pero non había esta valoración” explicou Lorenzo Pastrana sobre a importancia desta ferramenta.

Fácil de empregar e con posibilidades de continuidade

A web, segundo salientou o profesor Florentino Fernández, foi deseñada dun xeito moi accesible e operativo, de modo que pode ser empregada por calquera cidadán sen especiais coñecementos de nutrición e informática. Das súas ferramentas, Fernández destaca a posibilidade de que “o usuario se rexistre e dispoña dun histórico dos seus menús”. Este apartado permítelle a cada cidadán rexistrar os menús que vai realizando ao longo de 11 semanas e o sistema valóralle de forma automática como se está alimentando. Ademais, as persoas que empreguen a web poderán obter unha lista da compra cos produtos necesarios para cociñar os menús ou pratos escollidos.

Dados os excelentes froitos do proxecto, o director xeral do Grupo Cuevas salientou na presentación da web que están analizando a posibilidade de darlle continuidade á web coa edición dunha publicación, en forma de fichas, dos menús. Tamén estudan a realización dunhas xornadas nas que se analicen diferentes facetas da gastronomía galega e habilitar a posibilidade de que os produtos da lista da compra se merquen directamente na web.