DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes de Ciencias Sociais e da Comunicación promoven en Instagram o evento ‘Usa a lingua’

Unha semana de actividades na rede para achegar o galego á mocidade

O cómico David Amor abriu un programa que reúne coloquios e actuacións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • TIC
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 30/11/2020

“Promover, normalizar, estender e fomentar o uso do galego entre a mocidade” constitúe, como sinalan deste Freshysweet, unha axencia júnior de publicidade integrada por estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, o obxectivo principal de Usa a Lingua, un ciclo de coloquios e actuacións que ao longo desta semana desenvolven a través da rede social Instagram. A situación sanitaria xerada pola covid-19 obrigou neste 2020 a trasladar a un formato virtual unha iniciativa que en anteriores edicións levou a Freshysweet a promover diferentes actividades na facultade. “Pensamos que Instagram era a rede social perfecta para levar a cabo o evento nestes tempos”, sinala este grupo de alumnos e alumnas, que lembran que se trata da plataforma que reúne máis xente nova, con máis dun 36% de usuarios e usuarias menores de 24 anos.

Un coloquio co cómico e actor David Amor abriu na tarde deste luns o programa de actividades desta terceira edición de Usa a Lingua, que abrangue unha serie de coloquios con persoas “de grande interese no campo da comunicación, música e cultura galega”, xunto coas actuacións musicais de The Rapants e Dakidarría na tarde do venres. Conducido polo estudante Vinto Tajes, este primeiro coloquio permitiu afondar na traxectoria deste humorista, abordando tanto a súa traxectoria no mundo da televisión, desde os seus inicios no Supermartes da TVG ao "salto importante" que, recoñeceu, supuxo a súa participación no programa El Club del Chiste, á vez que houbo tempo tamén para lembrar a súa traxectoria como xogador de balonmán ou para falar dos efectos da covid-19 nas industriais culturais.

Cinco días de actividades

Para esta edición virtual de Usa a Lingua, as e os integrantes de Freshysweet seleccionaron unha serie de convidados que, sinalan, “son referentes en redes sociais que teñen algo que dicir a prol da protección da nosa lingua”. Nese senso, para dar forma a esta programación, explican, “baseámonos nos referentes galegos das nosas propias xeracións, que xa tivesen unha comunidade de seguidores galegos formada ou que poderían interesar a este rango de idade” e que fosen ademais figuras cunha “certa repercusión ou influencia”. Así, tralo coloquio deste luns con David Amor, a actividade continúa mañá martes, tamén ás 16.00 horas, cun coloquio, conducido pola alumna Sarai Mariño, con Patricia Hermida, manager de formacións musicais como Heredeiros da Crus e Agoraphobia, con quen, indican desde Freshysweet, “falaremos do seu labor como xestora de grupos galegos”. Nesa mesma xornada, ás 19.00 horas, sumarase ao evento Dani Irimia, protagonista da última campaña publicitaria da cadea Gadis. O mércores, Tajes conducirá o coloquio cos responsables da empresas de produtos en galego Aí Falaches!, mentres que o xoves ás 16.00 horas, terá lugar un coloquio, moderado por Cristina Martínez, coas persoas responsables de Orgullo Galego, “a conta de Instagram e Facebook dedicada á defensa da lingua galega con máis seguidores, 300.000 entre ambas redes sociais”. En todos os casos, explican desde Freshysweet, os coloquios buscarán en primeiro termo que as e os participantes aborden as súas traxectorias e actividades, para logo afondar tamén, nunha parte máis próxima a unha entrevista, en cuestións como que foi o que lles levou a desenvolver os seus proxectos en galego.

A terceira edición de Usa a Lingua completarase o venres, coas actuacións musicais, en directo a través desta rede social, dos grupos Dakidarría e The Rapants, programados para ás 19.30 e 20.30 horas, respectivamente.

Reparto de material promocional

Esta serie de actividades virtuais vense complementadas á súa vez polo reparto, na facultade, das bolsas e chapas do evento, que as e os integrantes de Freshysweet levan a cabo desde este luns e ata o 14 de decembro. Deste xeito, buscan poder achegar a iniciativa á maior porcentaxe posible de alumnado, tendo en conta que o sistema de docencia parcialmente presencial de titulacións como Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual fai que sexan diferentes os grupos de estudantes que acoden cada semana ao centro. Xunto a este reparto presencial, levarase a  cabo tamén un sorteo destes materiais promocionais entre as diferentes persoas que participen cada día neste evento online.