DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverase entre os días 20 ao 22 de novembro no Teatro Afundación

A Semana de Cine Submarino acada a súa 29ª edición contrapoñendo a beleza ás ameazas que sofren os océanos 

Proxectaranse sete traballos audiovisuais e homenaxearase ao realizador Jorge Candán

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI 13/11/2019

“O fío condutor desta Semana de Cine Submarino é o reflexo do que hoxe en día clama a sociedade por resolver: a contaminación por vertidos e plásticos, a sobrepesca  ou o desxeo dos polos, e como contrapartida a beleza dos comportamentos dos animais nos diferentes mares e océanos do mundo ou a conservación dos derradeiros redutos salvaxes”. Deste xeito resume José Luis González, director da Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo, as liñas mestras da 29º edición do certame, que se desenvolverá entre os días 20 e 22 de novembro no Teatro Afundación de Vigo, onde se proxectarán un total de sete traballos audiovisuais, dos que tres serán analizados polos seus propios autores: Nuno Sá, David Álvarez e Jorge Candán. Precisamente, o realizador galego será homenaxeado o mércores 20 en recoñecemento a súa recente vitoria no Campionato do mundo de vídeo submarino 2019 polo seu traballo O retorno, que se proxectará ese mesmo día. Dúas proxeccións de National Geographic, que contan coa participación do biólogo español Manu San Félix, Guerreiros dos océanos e Salvemos o noso Mediterraneo, e a participación do investigador da Universidade de Vigo Anxo Mena, completarán o programa do primeiro día. O xoves 21 o protagonismo será para o realizador portugués Nuno Sá, que presentará o seu traballo Mar, a última fronteira: continente, proxectándose ademais o documental da BBC da serie Planeta Azul II: o océano. O derradeiro día o público poderá disfrutar con outro documental de Nuno Sá, Azores I, da serie Mar, a última fronteira e tamén coa proxección de O ocaso do rei, dirixido polo doutor en bioloxía da Universidad de Oviedo David Álvarez, que será o derradeiro invitado da Semana de Cine Submarino.

Na presentación do certame, que tivo lugar esta mañá no edificio Cambón de Vigo, a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, referiuse á Semana de Cine Submarino como “unha cita ineludible para os especialistas e amantes do mar”, ao tempo que lembrou o compromiso da Universidade de Vigo co mar a través do Campus de Mar ou de titulacións do ámbito como as que se imparten na Facultade de Ciencias do Mar. “A Universidade de Vigo está comprometida cos compromisos da Axenda 2030 e máis concretamente co obxectivo 14 de vida submarina e por iso, a través desta Semana traballamos para achegar o mar a todas as viguesas e vigueses, para que aprendan a amalo e respectalo”, explica Caparrini, que agradeceu o traballo desenvolvido polo director do evento e tamén por Afundación, por ceder o espazo para desenvolvelo. Pola súa banda, a directora da área de Contidos Culturais de Afundación, María Teresa Cores, lembrou que ao abeiro da Semana, a Obra Social Abanca Afundación organiza, un ano máis, pases especiais para escolares de centro de ensino da provincia,” para que coñezan desde pequenos a riqueza, a complexidade e a realidade dos mares e aprendan a respectalos”.

Todas as proxeccións, que son de balde ata completar o aforo do teatro, comezarán ás 20.00 horas.

Dunha distopía mariña ao ocaso do salmón

En O retorno Jorge Candán viaxa no tempo para amosar un mundo no que os humanos xa non poden vivir nun planeta ermo e demasiado contaminado e é desde ese mundo imposible de habitar, onde Candán amosa a beleza dos ecosistemas que habitan as profundidades. Con este traballo, o realizador galego gañou o Campionato do mundo de vídeo submarino 2019, motivo polo que será homenaxeado, ademais polo de polo conxunto da súa carreira. “El é un dos tres documentalistas galegos que naceron ao abeiro do apoio económico que hai anos daba a Semana de Cine Submarino, pero que a crise eliminou, coa consecuente desaparición dos documentalistas, agás J.J.Candán”, explica José Luis González. Ese mesmo dia, mércores 20, as e os espectadores poderán ver Guerreiros dos océanos, produción asinada por National Geographic, no que a recoñecida bióloga mariña Silvya Earle, xunto ao seu compañeiro Enric Sala, alertan da terríble situación dos fondos mariños sen perder o optimismo e amosando solucións realistas e alcanzables. A primeira sesión da Semana pecharase con Salvemos o noso Mediterráneo, primeiro documental de National Geographic producido e realizado en España e no que participa outro dos colaboradores habituais da Semana. o biólogo Manu San Félix. O invitado desta primeira xornada será o investigador do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da Universidade de Vigo Anxo Mena. 

O xoves 21 arrancará coa proxección dun capítulo da segunda temporada da serie Planeta Azul, da BBC, titulado O océano, unha visión do mar moi pouco habitual que chega a recunchos que só esta serie foi quen de gravar amosando a faceta mais sorprendente e cativadora da vida mariña. O segundo audiovisual que se verá este dia será Mar, a última fronteira: Continente, un traballo asinado polo realizador portugués Nuno Sá, que será o invitado da xornada e que poderá achegar ao público os detalles desta viaxe a unha das montaña submarinas máis grandes de Europa, o Banco Gorringe. “A serie Mar a última fronteira presentarase oficialmente na televisión portuguesa o día 20 de novembro e nós teremos o privilexio de pre-estrenar dous capítulos o xoves e o venres na Semana de Cine Submarino e co seu realizador e cámara en persoa, que nos amosará que as augas de Portugal albergan unha vida mariña comparable aos mellores lugares do planeta”, explica o director da Semana.

O certame baixará o pano o venres 22 con outro traballo de Nuno Sá, Mar, a última fronteira: Azores, na que o equipo descende a mil metros de profundidade a bordo dun submarino capaz de resistir presións extremas. A derradeira proxección será O ocaso do rei, “a historia do salmón como nunca fora contada e que se cruza coa nosa, cuxo límite de distribución no  Atlántico Sur correspóndelle a Galicia”, lembra José Luis González. O invitado dese día será o seu director, David Álvarez, biólogo e profesor de Zooloxía na Universidad de Oviedo.