DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 8 ao 10 de novembro combinará proxeccións locais e internacionais 

A Semana de Cine Submarino UVigo acada a súa 31ª edición recuperando as sesións matinais para escolares 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
DUVI 13/10/2022

Logo de dous anos sen poder celebrarse por mor da pandemia, as proxección matinais dedicadas ao alumnado de centros escolares regresarán á 31ª edición da Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo. Entre os días 8 e 10 de novembro sucederanse no teatro Afundación de Vigo as proxeccións de producións locais e internacionais, entre as 10 e as 12.00 horas para as e os escolares e a partir das 20.00 horas para o público en xeral.

Con entrada libre e gratuíta, a Semana de Cine Submarino é unha iniciativa da Vicerreitoría de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, destinada á concienciación e preservación dos mares, razón pola que a organización valora de xeito moi positivo a recuperación das proxeccións para o público escolar, facilitándolle así o achegamento ao mundo mariño, así como ao ODS 14 da Axenda 203o de conservación dos océanos, mares e recursos mariños, de xeito sostible.

Mantense a estrutura das sesións de tarde 

Un ano máis a Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo achegará durante tres días ao público asistente destacadas producións audiovisuais, tanto locais, como internacionais, ás que seguirá cada unha das xornadas un debate no que participarán realizadores, persoal investigador e divulgadores mariños.

A 31ª Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo conta coa colaboración de Afundación, Obra Social Abanca.