DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverase entre os días 18 ao 20 de novembro no auditorio do teatro Afundación

A Semana de Cine Submarino da UVigo cumpre 33 anos mollándose pola conservación e o coñecemento do medio mariño

Con máis dunha decena de proxeccións e tres convidados 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 13/11/2025

A Semana de Cine Submarino da UVigo chega a súa 33 edición “traballando arreo” e “sendo cada ano máis Universidade de Vigo”, asegurou hoxe na súa presentación a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda. O público e o alumnado de primaria que asistirá ás sesións matinais, poderá entre o 18 e o 20 de novembro achegarse ao mundo mariño a través de curtas e longametraxes nacionais e internacionais que por vez primeira se proxectarán no auditorio do teatro Afundación na rúa Marqués de Valladares en Vigo

Con entrada libre, as proxeccións, ás que seguirá un coloquio con persoal investigador, documentalistas e divulgadores mariños, permitirá ás e aos espectadores descubrir as profundidades mariñas de Galicia, Indonesia ou Costa Rica; os tesouros arqueolóxicos que agochan os fondos baleares ou as peculiaridades dunha especie que habita nas augas da illas Cíes e que recibe o nome de 'o rei'. A directora do Instituto Español de Oceanografía e exalumna da Facultade de Ciencias do Mar da UVigo, Rosa Figueroa; o director do Ciclo internacional de cine submarino de San Sebastián, David Sánchez e a bióloga costarricense Beatriz Naranjo, serán os convidados aos coloquios que se desenvolverán cada día despois das proxeccións audiovisuais.

O zume de Gaia e as futuras xeracións que deben coidar do planeta

Na presentación da Semana de Cine Submarino, o seu codirector e catedrático da UVigo, Jesús Souza, destacou a calidade dos traballos que se van poder visionar, así como a valía profesional dos protagonistas dos coloquios, ao tempo que incidiu na importancia de, a través de iniciativas como esta, traballar na preservación dos océanos. “Os océanos son o zume de Gaia e cómpre coidar o planeta”, dixo Souza, que lembrou que os recursos se deben protexer “para que as próximas xeracións poidan gozalos como nós o fixemos”.O codirector da Semana de Cine agradeceu a confianza da Vicerreitoría na Facultade de Ciencias do Mar para organizar a Semana e o traballo de persoas concretas como o do  técnico de Cultura da Vigo, Alfonso Caride. A tamén codirectora da Semana, a catedrática e decana da Facultade de Ciencias do Mar, Elsa Vázquez, incidiu na importancia de “sementar nas novas xeracións o amor á natureza” a través, neste caso de proxeccións audiovisuais, ao tempo que destacou o éxito de público da pasada edición, na que participaron máis de 1200 persoas.

A vicerreitora de Extensión, Susana Reboreda, destacou que esta edición cumpre os obxectivos da UVigo ao ser organizado por un dos seus centros; “estar enfocado á comunidade universitaria, pero tamén á sociedade en xeral; que se celebre nun espazo cultural emblemático e que estea aliñado cos ODS”.

Pola súa banda, Cristina Iglesias, coordinadora adxunta de sedes de Afundación, confirmou que nesta edición serán 1050 os escolares de 1º, 2º  5º de primaria de 22 colexios de Vigo e comarca os que asistirán ás proxeccións matinais, que se inclúen na programación da Semana de Cine. “Esta é unha iniciativa que encaixa perfectamente nas nosas liñas de actuación posto que ofrecemos programación para escolares; sensiblizamos sobre o coidado do planeta e colaboramos coa UVigo”, detallou Iglesias.

Fondos mariños de Galicia, o patrimonio submarino balear e problemas dos océanos

A 33ª edición da Semana de Cine Submarino da UVigo comenzará o martes 18 de novembro coa proxección da curtametraxe O océano non é noso de Xaime Beiro e Lara González, para continuar con tres vídeos do Instituto Balear de Estudos en Arqueoloxía Marítima (IBEAM): Frágil, preservando o invisible; Profundidades de Ibiza e El pecio de Ses Fontanelles. As proxeccións rematarán o martes co traballo do produtor e director Mario Cuesta El futuro del océano, unha peza do Instituto Español de Oceanografía que afonda no momento crítico que atravesan os océanos, derivado da sobrepesca ou a contaminación.

Nesta primeira xornada da Semana a convidada no coloquio posterior ás proxeccións é a directora do Instituto Español de Oceanografía do CSIC, Rosa Figueroa. Figueroa, que foi anteriormente directora do Centro Oceanográfico de Vigo, naceu en Vigo e é investigadora no campo da ecoloxía e a fisioloxías das microalgas mariñas, especializada en algas nocivas e biotoxinas. 

Traballos premiados no CIMASUB

A segunda xornada da 33ª edición da Semana de Cine Submarino da UVigo centrarase na proxección de vídeos e documentais premiados no Ciclo Internacional de Cine Submarino de Donostia-San Sebastián 2024 (Cimasub), que regresa a Vigo por oitava vez. Entre as proxeccións previstas atópase Red Alert On Corals que explora o papel fundamental dos arrecifes de coral na biodiversidade mariña e na vida humana; a curtametraxe musical Raja Ampat. The last paradise de David Galván, onde se descobren as augas cristalinas de Indonesia ou o documental Nika, el calderón tropical, que amosa a explotación a que está sometida Tenerife e a nefasta xestión que se realizou nas última décadas.

O convidado no coloquio posterior ás proxeccións é David Sánchez Carretero, director do Cimasub, ademais de mergullador e realizador de curtametraxes submarinas.

Unha homenaxe, as profundidades de Costa Rica e o rei do arrecife das Cíes

A Semana de Cine Submarino da UVigo chegará ao seu fin o xoves 20 de novembro coa proxección de varias curtametraxes. Kallailoi, o mar das meigas de Jorge Martínez, será o primeiro e o seguirán Un Xavi de Xaime Beiro e Lara González en homenaxe a Xavi Safont e Wild Life-Migrations co que Jorge Candán gañou o Campionato de España de Vídeo Submarino 2024 

As proxeccións complétanse con O País das augas profundas do Schmidt Ocean Institute, Alex Ingle e Costa Rica Descoñecida, que explora por vez primeira o mar profundo do país de América Central que agocha montaña submarinas, xardíns de corais e especies sorprendentes. O rei do arrecife das illas Cíes de José Irisarri protagonizado polo gallano (Labrus mixtus), e que en Galicia recibe o nome de “rei”, pechará as proxeccións da Semana de Cine que terá como derradeira convidada a Beatriz Naranjo Elizondo,bióloga costrarricense, que lidera a iniciativa Costa Rica Desconocida, que busca visibilizar o patrimonio mariño profundo do país.