DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A 31ª edición, que se celebra do 8 ao 10 deste mes no teatro Afundación, proxectará seis documentais

A Semana de Cine Submarino da UVigo mergullarase na fosa das Marianas

Da man de Héctor Salvador, o primeiro español en visitar un dos lugares máis profundos do planeta

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cine
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Cultura
M. Del Río DUVI 04/11/2022

Héctor Salvador, o primeiro español en visitar un dos lugares máis profundos do planeta, a fosa das Marianas, será un dos protagonistas da trixésimo primeira edición da Semana de Cine Submarino da Universidade de Vigo, que se celebrará entre os días 8 e 10 deste mes de novembro no teatro Afundación. A programación completa deste certame, organizado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, presentouse este venres nunha rolda de prensa no edificio Redeiras da man da vicerreitora Susana Reboreda xunto co director da Semana de Cine Submarino, José Luis González, e a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela.

José Luis González, director da semana, foi o encargado de avanzar a programación, que comprende seis documentais e unha conferencia nunha edición na que o fío condutor serán “os documentais de autor españois”, xa que se o certame se “afasta un pouco das grandes producións de BBC e National Geographic”. Ao longo das tres xornadas  proxectaranse varios traballos con selo español, xunto con algún convidado internacional, cos que as e os espectadores percorreran dende os fondos da ría de Vigo, ata o río Douro, pasando polo mar de Sudán ou a fosa de Java. O obxectivo final deste certame é claramente divulgativo, tratando de poñer o foco sobre a importancia de preservar os ecosistemas mariños e de alcanzar “o obxectivo 14 da Axenda 2030, de conservar os océanos, os mares e os recursos mariños de xeito sostible”, como resaltaba a vicerreitora. 

As proxeccións serán os tres días ás 20.00 horas no teatro Afundación con entrada libre e de balde ata completar a capacidade da sala. Unha das novidades deste ano será que todos os invitados ao debate posterior que ten lugar tras as proxeccións diarias serán os directores ou protagonistas dos documentais programados. 

3000 asistentes cada edición

No acto de presentación desta nova edición, Paloma Vela destacaba que Afundación colabora con este evento acollendo as proxeccións no seu teatro e “facémolo orgullos e satisfeitos” por diversos motivos, entre eles “polo éxito e repercusión desta semana de cine na sociedade viguesa”, coa participación en cada edición de arredor de 3000 persoas. Ademais, tras dous anos, nesta edición volverán as proxeccións matinais para os máis pequenos, nas que participarán 1500 nenos e nenas de entre 5º de primaria e 2º da ESO. A representante de Afundación tamén se referiu á temática do festival, subliñando que “sempre foi moi importante coñecer a riqueza dos nosos mares e concienciarnos da importancia da sostibilidade e de tomar medidas para o mantemento das nosas augas, pero cada ano que pasa esta temática é máis importante”. 

A vicerreitora, pola súa banda, subliñou que, a través de actividades coma esta, “a Universidade logra estar presente na vida cultural e social da cidade” e, como recalcaba Reboreda, as cifras de asistencia nas edicións anteriores “falan por si soas” e demostran que ademais “chegamos a un público moi amplo” no que caben “todas as idades, os rangos sociais e as sensibilidades co obxectivo de colmar unha curiosidade común sobre o que sucede no medio mariño”.

Mergullarse nun dos lugares máis profundos do planeta

Un dos convidados máis destacados desta trixésimo primeira edición será Héctor Salvador, o primeiro español en visitar un dos lugares máis profundos do planeta. Este enxeñeiro aeronáutico nado en Lugo coprotagoniza Descenso a la Fosa de las Marianas, no que se relata a inmersión a 10.706 metros de profundidade, en concreto cara ao chamado abismo da Sirena, no Pacífico, que levou a cabo xunto ao seu compañeiro, o australiano Tim MacDonald. Salvador participou durante seis anos na construción do batiscafo no que viaxaron ata un dos leitos do planeta e todas estas experiencias serán as que relate nun relatorio que terá lugar o xoves 10 de novembro. 

Martes 8, da ría de Vigo ao Douro e aos océanos do mundo

O ciclo arrancará o martes, 8 de novembro, cun recoñecemento á Confraría de Pescadores de Vigo polo seu traballo de limpeza da contorna mariña reflectida na peza Mar limpo, mar vivo, na que se detallan os traballos de retirada de residuos enmarcados no Plan Mar Limpo da Consellería do Mar e que comezou no ano 2020. As e os espectadores poderán comprobar como os pescadores retiran os residuos na ribeira sur da ría, na Manquiña, A Guía, Ríos e mesmo Bouzas. Será o patrón maior, Iago Soto García, en representación da confraría, quen reciba este recoñecemento pola súa aposta na conservación do medio mariño. 

Ademais, esta primeira xornada contará tamén coa proxección do documental One breathe around the world, protagonizado por Guillaume Néry, campión do mundo en apnea. Ao longo de 11 minutos, as persoas espectadoras acompañarán a Néry no seu percorrido por diferentes fondos oceánicos do mundo, ofrecendo unha “demostración artística”, segundo José Luis González, “que recrea o soño de mergullarse sen osíxeno”. 

A sesión do martes rematará con Durienses: los endemismos del Douro, unha proposta centrada nas augas doces na que o biólogo Carlos Rodríguez analiza durante tres anos de observación as especies na conca do Douro, un dos escenarios evolutivos máis interesantes do mundo, con migracións en masa en busca dun lugar para a reprodución ou adaptación a novas formas na procura de alimento. Segundo explica o director da semana, o estudo realizado ao longo dos tres anos permitiu aos autores confirmar que dous de cada tres especies que habitan o Douro son endemismos deste río. Para falar deste fenómeno estará na Semana Carlos Rodríguez, experto en divulgar o comportamento subacuático das especies.  

Mércores 9, en Sudán

Na segunda xornada proxectaranse Rumbo al pasado e Historia de un pecio, dúas pezas dirixidas por Daniel Aldaya. Na primeira delas o realizador pretende advertir sobre a sobre-explotación pesqueira que reduciu as poboacións de quenllas en todo o mundo, mentres que na segunda se achega a un dos pecios mellor conservados do mundo, o Umbría, afundido no mar Vermello polo seu capitán no momento en que Italia entra na Segunda Guerra Mundial por temor ao que o seu cargamento caese en mans británicas. 

Nesta xornada o invitado será o propio Daniel Aldaya, experimentado realizador de imaxe submarina, que explicará polo miúdo a súa experiencia na confección dos dous documentais.

Xoves 10 na fosa de Java

No derradeiro día da Semana de Cine Submarino, ademais da conferencia de Héctor Salvador, proxectarase Expedition Deep Ocean: Océano Índico, unha produción de Discovery Channel que forma parte do proxecto Five Deeps, un reto liderado polo explorador Víctor Vescovo para visitar os cinco puntos máis profundos da terra, neste caso, o do Índico, que é a fosa de Java. Nesta expedición, Vescovo empregou o batiscafo deseñado por Héctor Salvador e fabricado en Barcelona e esta experiencia será unhas das que relate na súa intervención posterior á proxección.