DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa primeira das conferencias inseridas na programación impulsada polo Campus Crea

A Semana da Creatividade e da Innovación arranca abordando como a fisioterapia pode mellorar a vida das persoas con cancro 

Unha exposición na Vicerreitoría lembra as sedes dos Xogos Olímpicos nos últimos 50 anos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Deportes
  • Estudantado
  • Saúde
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 19/04/2021

Dirixida a pór en valor os sinais de identidade do Campus Crea, a Semana da Creatividade e da Innovación abriu este luns o seu programa de actividades cunha conferencia da especialista en fisioterapia oncolóxica Marta Gómez, que afondou nas capacidades desta disciplina para mellorar a calidade de vida das persoas con cancro. Fíxoo na primeira das actividades dun ciclo de conferencias promovido pola Vicerreitoría do campus e o Consello Social da Universidade de Vigo para esta semana de conmemoración, na que tamén poderá visitarse na sede da Vicerreitoría a exposición 12+1. Os Xogos Olímpicos nos últimos 50 anos, do deseñador gráfico Carlos David Illescas.

Fisioterapeuta no centro Oncowellness de Madrid, Goméz Nicolás trazou un achegamento xeral á fisioterapia oncolóxica e “á importancia que ten o tratamento fisioterapéutico nos pacientes” con cancro nunha conferencia na Facultade de Fisioterapia, na que estivo acompañada pola paciente Ana Gil, socia fundadora e ex-vicepresidenta da Asociación de Sarcoma de Galicia (Asarga). Presentada pola vicedecana, Mercedes Soto, esta actividade arrancou poñendo o foco en que o das e os fisioterapeutas é “un traballo creativo e innovador, pese que ás veces nos custe pensar así”, xa que se trata dunha disciplina “en continua evolución”, na que “as necesidades dos pacientes fan que desenvolvamos a nosa profesión en diferentes campos”. As características e necesidades propias de cada paciente, de feito, constitúen, como salientou Gómez, o punto de partida de todo tratamento a pacientes oncolóxicos. “É totalmente personalizado, mesmo en pacientes cun mesmo tipo de cancro e cun mesmo prognóstico, é necesario adaptalo”, salientou esta especialista en fisioterapia oncolóxica, que sinalou que desde “a tolerancia ao exercicio” e a resistencia física de cada persoa ata o seu propio estilo de vida definirán un tratamento “no que é fundamental coñecer moi ben a historia clínica de cada persoa”.

Necesidade dunha formación especializada

Como explicou Gómez Nicolás, “as alteracións comúns a todos os pacientes van ser a dor e a fatiga debidas ao proceso oncolóxico e aos tratamentos”, de tal xeito que, en termos xerais, a fisioterapia contribiurá a “mellorar a calidade de vida” das persoas con cancro. Pero, máis aló disto, a fisioterapia oncolóxica pode aplicarse a pacientes con diferentes tipos de cancro e de tratamentos, “que van ter secuelas e efectos secundarios que hai que abordar”; a persoas de todas as idades, “desde bebés ata pacientes xeriátricos”, e a tamén a todas as fases do proceso, “desde o momento da diagnose”, ata a o tratamento daquelas persoas que non sobrevivirán á enfermidade, e coas que “tamén é moi importante a nosa actuación para proporcionarlles unha calidade de vida”.

Nese senso, esta fisioterapeuta puxo o acento en que, con independencia de que a día de hoxe “as especializacións en fisioterapia aínda non están recoñecidas”, o tratamento deste tipo de pacientes require dunha formación que permita aos e ás profesionais “entender moi ben que é o cancro, que lle está pasando ao paciente e saber adaptar as técnicas que usamos a este proceso”. De feito, esta especialista centrou unha parte do seu relatorio “nas precaucións e contraindicacións que temos que ter”, xa que é preciso adaptar as diferentes técnicas, desde a terapia manual e a electroterapia ao exercicio terapéutico, a cada paciente. De aí que subliñase a importancia da formación neste eido, aspecto no que tamén incidiu Ana Gil, que relatou ao alumnado a súa propia experiencia como paciente de cancro. “Vivín a experiencia de necesitar un fisioterapeuta oncolóxico en Galicia e non atopalo”, recoñecía a socia fundadora de Asarga, que puxo de relevo a necesidade dunha formación que abranga desde a importancia do “exercicio terapéutico” ao longo de todo o proceso, “xa que necesitamos estar activos durante todo o tratamento”, como o propio risco de “empeorar a diagnose” a través do uso de técnicas non adecuadas para un paciente e momento concreto.

Medio século de Olimpíadas

Desde este luns e no marco tamén da Semana da Creatividade e da Innovación, pode visitarse na sala de exposicións da Vicerreitoría a mostra 12+1. Os Xogos Olímpicos nos últimos 50 anos, no que o xeógrafo e deseñador gráfico Carlos David Illescas presenta a súa interpretación das doce cidades que foron sede dos Xogos nos últimos 50 anos, xunto cunha décimo terceira, Tokio, que teríao sido en 2020 de non ser polo adiamento ao que obrigou a covid-19. Organizada coa colaboración do Centro de Estudos Olímpicos da Universidade de Vigo, esta exposición poderá visitarse ata o venres 23.

Esta serie de láminas buscan “recordar as sedes olímpicas” a través dunha serie de “panorámicas idílicas, pero feitas a partires dunha base real”, como sinala o seu autor, que partindo de fotografías xerou unha serie de “mapas conceptuais” que presentan as cidades e as súas sedes olímpicas, pero tamén os seus elementos máis representativos. “A idea era amosar cun golpe de vista como sería a fisionomía da cidade durante a celebración de cada edición”, salienta Illescas Vacas. Deste xeito, estas obras buscan tanto afondar na “repercusión que tiveron os Xogos” sobre cada cidade “e o legado que deixaron”, como tamén contribuír á difusión, sinala Illescas, “do espírito olímpico e dos seus valores medioambientais, culturais e de difusión do deporte”.

Alimentación e economía sustentable

O ciclo de conferencias desta Semana da Creatividade e da Innovación continúa este xoves co relatorio que o nutricionista Jorge Acariz centrará nos hábitos de alimentación saudable e completarase o venres cunha conferencia sobre economía ecolóxica e sustentabilidade do profesor Xavier Simón, responsable do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia (GIEEAH) da Universidade de Vigo. As dúas actividades desenvolveranse no salón de graos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e poderán seguirse tamén de xeito virtual, a través de Campus Remoto. 

O programa de actividades complétase cos Premios Crea-Creatividade e Innovación, organizados tamén xunto co Consello Social e que recoñecerán as obras realizadas conxuntamente por alumnado de diferentes ámbitos, e coa participación da Universidade no reto 30 días en bici de Ciclogreen, dirixido a fomentar o uso da bicicleta nos seus desprazamentos ao campus.