DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un taller sobre limpeza ecolóxica abriu unha programación que se estende ata o venres

A Semana da Creatividade e a Innovación arranca achegando pautas para unha vida cotiá máis sostible

A EE Forestal acolle unha mostra sobre os efectos do consumo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 18/04/2022

Da instalación de redutores de caudal nas duchas ou a colocación de burletes nas fiestras para reducir o gasto en calefacción á elaboración de produtos de limpeza con elementos naturais. Achegar aos e ás asistentes unha serie de pautas que lles permitan reducir a súa pegada ecolóxica no día a día foi o obxectivo do taller que este luns puxo inicio á Semana da Creatividade e a Innovación. Promovido pola Vicerreitoría do campus co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo, este programa de actividades buscar pór de relevo o papel da creatividade e innovación como elementos definitorios do campus pontevedrés e neste 2022 centra boa parte das súas actividades en aspectos relacionados coa sostibilidade e a preservación do medio ambiente.

A programación que se estende ata este venres 22 botou a andar na Escola de Enxeñaría Forestal cun obradoiro impartido polo biólogo e educador ambiental Manuel Domínguez, que foi presentado polo director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto. Baixo o título de Limpeza ecolóxica, esta actividade arrancou cunha abordaxe xeral de problemas ambientais globais, “como o cambio climático e o esgotamento de recursos e materias primas”, explica Domínguez. A partir deste marco xeral, o propósito da iniciativa era presentar aos e ás asistentes unha serie de “boas prácticas”, en materia de limpeza ecolóxica ou aforro de auga, aplicables na vida cotiá. A idea, explica Domínguez, era amosarlles “exemplos de accións que non impliquen un gran sacrificio”, pero que fan posible “reducir a nosa propia pegada individual”, pondo así de relevo a importancia de “actuar en todas as frontes” contra os problemas ambientais.

Da elaboración de xabóns a niños para andoriñas

Na súa vertente máis práctica, o taller comprendeu unha demostración cunha maqueta de como funciona unha depuradora de augas residuais, “para que puidesen visualizar o groso do proceso, exceptuando o tratamento biolóxico”, xunto coa elaboración de xabóns con aceite vexetal, tanto virxe como usado, no primeiro do casos para o seu uso na pel e, no segundo, para fregar pratos ou limpar roupa. Así mesmo, as e os participantes tamén elaboraron, con plantas e esencias, uns pequenos sacos para evitar a presenza de couza nos roupeiros e un limpador con alcol e vinagre.

Con esa mesma vertente práctica, Dominguez imparte mañá martes na escola o taller Mellorando a contorna dende o fogar, no que achegará unha serie de pautas para reducir o impacto ecolóxico dos traballos en hortas e xardíns, completándose á súa vez coa elaboración de caixas niño para andoriñas e de láminas que impidan que as aves batan contra as ventás. 

De xeito paralelo, a planta baixa da EE Forestal acolle nestas dúas xornadas unha mostra sobre sostibilidade, que pon o foco nos efectos do consumo tanto sobre o medio ambiente, como sobre a saúde e sobre as propias condicións de vida das persoas. Como explica Domínguez, nesta mostra reúnense exemplos “de materiais que non danan a capaz de ozono, produtos de limpeza menos agresivos, materiais reciclados, envases con algunha vontade ambiental, produtos de comercio xusto, instrumentos para o aforro enerxético...”, xunto cunha pequena mostra de xogos e xoguetes que poden contribuír á educación ambiental.

Unha semana de actividades

A sostibilidade será tamén un dos eixos do obradoiro Máis cerámica, menos plástico que, no marco desta programación, impartirá na Facultade de Belas Artes a artista e ceramista Teresa Pece nas xornadas de mércores e venres. Do mesmo xeito, as cuestións relativas á conservación do medio ambiente serán o eixo temático do mural colaborativo que ao longo da mañá do xoves 21 se levará a cabo na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Por último, as actividades da Semana da Creatividade e a Innovación péchanse o venres 22 coa mesa redonda Emprendendo cos pés na terra, que reunirá as experiencias dunha serie de empresas ligadas a unha xestión sostible. Moderado pola directora da Área de Emprego e Emprendemento da UVigo, Maruxa Álvarez, intervirán neste coloquio Pablo Guillán, de Dooroti; Joana Saavedra, de Bam.bu Bicycles; Marta Álvarez, de Vi&Go; Juanjo Rodríguez, da Academia TecnifícaT, e Alejandro Sierra, de Iniqual, así como  Ricardo Fra, fundador de Saraiva, Activiza! e Envita. Tras a mesa, a empresa Bam:bu Bicycles levará a cabo unha actividade que permitirá probar as súas bicicletas elaboradas con materiais respectuosos co medio ambiente.

Por outra banda, nesta programación tamén se insiren os II Premios CREA-Creatividade e Innovación e un concurso de fotografía en Instagram, que manteñen aberta a súa participación ata os días 29 e 22 de marzo, respectivamente.