DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da programación deseñada polo alumnado da EE Forestal

Unha semana por diante para situar a enxeñaría forestal “no centro dos grandes desafíos”

A escola conmemorou o Día Internacional dos Bosques coa plantación dun acivro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 23/03/2026

Coa investigación sobre incendios e os ámbitos de traballo dos seus titulados e tituladas como eixes, a Escola de Enxeñaría Forestal daba inicio este luns á Semana Forestal 2026, un ciclo de conferencias, mesas de debate e talleres organizado pola delegación de estudantes. Nestes días, a actividade académica habitual do centro vese substituída por un conxunto de actividades promovidas polo alumnado e que contribúen a situar estes estudos “no centro dos grandes desafíos”, como sinalou na inauguración o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco Gutiérrez. Esta programación insírese ademais nos actos conmemorativos do Día Internacional dos Bosques, celebrado este sábado, o que motivou que os diferentes relatorios se visen complementados pola plantación dun acivro ás portas do centro.

Nese senso, a Semana Forestal forma parte neste 2026 das actividades conmemorativas referenciadas pola FAO, a Organización para a Agricultura e a Alimentación das Nacións Unidas. Nesta ocasión, a árbore foi un acivro doado polo Laboratorio Rural de Paredes de Coura, impulsado por dez institucións e entidades entre as que se atopa este centro da UVigo. Este laboratorio ten como sede a paisaxe protexida do Corno do Bico, onde a EE Forestal desenvolve diferentes actividades docentes e investigadoras e de onde procedía este exemplar, proporcionado por Emanuel Oliveira, da Asociación de Fogo Prescrito da Europa.

Unha semana de actividades definidas polo alumnado

A directora da EE Forestal, Ángeles Cancela, o director xeral de Defensa do Monte e o presidente da Delegación de Alumnos, Miguel Picos, inauguraban previamente unhas xornadas organizadas coa colaboración da escola e da Vicerreitoría do campus. Nese senso, Cancela lembrou que son as e os estudantes “os que escollen do que se vai falar cada día” e salientou como "moi interesante" a programación deseñada. Nesa mesma liña, o representante da Consellería do Medio Rural subliñou que “hoxe a enxeñaría forestal está no centro dos grandes desafíos”, posto que implica falar “de incendios forestais, do cambio climático, da biodiversidade, de xestionar os montes de maneira sostible...”, cuestións que, lembrou, están recollidas nunhas xornadas que son “un reflexo da actualidade”.

Miguel Picos, pola súa banda, definiu esta Semana Forestal como “unha grande oportunidade para abrir a escola ao exterior” e para amosar ao alumnado “outras caras da carreira”, así como o labor investigador que se desenvolve no centro. 

A investigación sobre incendios abre a programación

A investigación sobre incendios foi o primeiro eixe desta semana, que arrancou cunha conferencia do exprofesor da EE Forestal e exdirector do Departamento de Incendios do CIF Lourizán José Antonio Vega, da Sociedad Española de Ciencias Forestales. O seu relatorio estivo centrado no papel da investigación “como un servizo de apoio á protección contra incendios”, o que levouno a afondar na evolución dos estudos desenvolvidos nas últimas décadas no CIF Lourizán, en ámbitos como o uso do fogo para a “xestión preventiva dos combustibles”, a súa modelización ou a recuperación de áreas queimadas.

A continuación, a investigadora do grupo Hydrosoil da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) e egresada da EE Forestal Ana Novo abordou o papel da tecnoloxía na prevención dos lumes, mentres que Emanuel de Oliveira incidiu tamén no papel das queimas prescritas na xestión da paisaxe. Este bloque pechouse cun relatorio do subdirector da escola, Juan Picos, sobre a cooperación transfronteiriza na loita contra os lumes, a partir das experiencias dos proxectos Firepoctep+ e Use4Forest, centrados ambos na prevención dos grandes incendios. 

Esta primeira xornada complétase cunha ruta divulgativa dirixida a coñecer a biodiversidade do río dos Gafos, da man Sociedade Galega de Historia Natural.

Investigación e empregabilidade

Este martes, a programación terá como protagonistas aos egresados e egresadas da EE Forestal, nunha xornada dirixida a explorar diferentes ámbitos profesionais dos graduados e graduadas. En primeiro termo, unha mesa permitirá coñecer diferentes proxectos que se levan a cabo no centro de man de cinco titulados e tituladas que continúan a súa traxectoria na escola como persoal investigador. Gabriel Suárez presentará o proxecto E-Hydro, que levan a cabo os grupos GeoTECH e Hydro-Forest e que se centra no desenvolvemento dunha plataforma intelixente de modelización e virtualización dos recursos hídricos. Blanca Fraga, do grupo EcoEvo, afondará no estudo das poboacións do teixo na serra do Xurés, mentres que Elena Seoane presentará os resultados do proxecto Resilient2Change, que tiña como obxectivo o deseño de ferramentas para unha xestión sostible do territorio fronte ao cambio climático. Integrante tamén do grupo Hydro-Forest, Darine Saad presentará o proxecto MultiGIS4Rivers, centrado no desenvolvemento dunha plataforma integral para a xestión dos recursos hídricos, e Andrés Rodríguez abordará os traballos para a elaboración do Inventario Forestal Continuo de Galicia. 

Unha segunda mesa permitirá coñecer diferentes ámbitos profesionais dos egresados e egresadas, coa participación de José Antonio Sanmartín, da empresa Martínez Otero; Mari López, de Finsa; Stefano Arellano, da cooperativa Agresta; e Xaime Iglesias, decano do Colexio Oficial de Enxeñaría Técnica Forestal de Galicia. 

Dirixidos ao alumnado, o mércores desenvolverase un taller de primeiros auxilios e outro sobre as aplicacións da intelixencia artificial na enxeñaría forestal, continuados por un coloquio sobre prevención de riscos e coa posibilidade de probar un simulador de maquinaria forestal, grazas á colaboración da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera). Finalmente, o xoves terá lugar a conmemoración do San Leandro, con diferentes actuacións musicais, a partir das 12.00 horas.