A Universidade de Vigo é unha das patrocinadoras deste congreso
A Semana Galega de Filosofía conecta o individuo coa súa contorna a través do alimento
Desenvólvese ata este venres no Pazo da Cultura de Pontevedra
As relacións do ser humano coa súa contorna natural, a corporaleidade, a soberanía alimentaria, os medios de produción e distribución de alimentos ou as patoloxías vinculadas coa nutrición son algunhas da cuestións centrarán a XLII Semana Galega de Filosofía, que se desenvolve deste este luns no Pazo da Cultura de Pontevedra. A Universidade de Vigo é, un ano máis, unha das institucións patrocinadoras deste congreso organizado pola Aula Castelao e que conta tamén co apoio do Concello, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia. Un total de 15 conferencias abertas ao público conforman o programa dun foro inaugurado este luns polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez; a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, e o presidente da Aula Castelao de Filosofía, Alexandre Cendón.
“Esta iniciativa une o interese polo pensamento ás preguntas fundamentais sobre a vida diaria das persoas, a sociedade e o mundo natural”, salientou a vicerreitora no acto de apertura desta Semana Galega de Filosofía. Lantarón subliñou que a “alianza” entre a UVigo e a Aula Castelao “reflicte o compromiso da nosa Universidade cunha filosofía aberta, plural e servidora da sociedade, que pretende levar o pensamento máis aló dos muros do campus, a toda a cidadanía”. Nese senso, destacou a oportunidade que supón este foro como un espazo “de convivencia e conexión entre a comunidade universitaria e a cidadanía”, ao tempo que lembrou que a “estreita relación” coa entidade promotora tradúcese tamén noutras iniciativas como as xornadas de Pensamento e Creación, que a Vicerreitoría promove cada ano coa colaboración da Aula Castelao.
Un “universo de significantes” conectados coa alimentación
Neste acto de apertura, Cendón lembrou que a Semana Galega de Filosofía supera as catro décadas de traxectoria, mantendo o obxectivo de "ser un lugar de encontro e debate” que permita “ofrecer unha análise do presente desde os rudimentos da filosofía”. Nese senso, o eixe temático desta edición busca arroxar “un pouco de luz sobre unha cuestión crucial para todos”, non só, explicou, pola “necesidade fundamentald da nutrición", senón polo feito de que o alimento constitúe “un vínculo primario e fundamental entre os nosos corpos e o mundo exterior que nos rodea”. De aí que o presidente da Aula Castelao puxese o foco no “universo de significantes” que se conectan coa idea da alimentación e en como estes “axúdannos a entender como somos e como nos comportamos socialmente”.
Nese senso, a programación desta edición permitirá abordar como “a nosa relación co alimento fai que afloren as nosas patoloxías contemporáneas”, mais tamén reflexionar sobre as persoas como “devoradoras do planeta” ou sobre a alimentación como “fonte de status” ou “dun suposto coidado que incide nas atomizacións sociais” das sociedades contemporáneas. “Pensar no alimento condúcenos irremediablemente a pensar na sociedade e na natureza, nos medios de produción e distribución, na soberanía alimentaria, na selección dos alimentos, na súa xerarquización, no comportamento alimentario, na cultura gastronómica...”, salientou o presidente da Aula Castelao. Nesa mesma liña, Fernández Lores puxo de relevo que alimentarse non é unha cuestión biolóxica, senón que “poder ser un acto fondamente político, ético e social”, mentres que Domínguez incidiu no necesario deste debate para reflexionar sobre “en que mundo estamos e que mundo imos deixar os nosos fillos”.
Cinco xornadas para o debate
Tras o acto de apertura, a sesión inaugural desta XLII Semana Galega de Filosofía correu a cargo do profesor da Universidade de Bos Aires Matías Bruera, quen afondou nos vínculos do comer co discurso, a convivencia social e a escena política. Combinando un enfoque antropolóxico, cultural e filosófico, esta programación combina sesións matinais, que afondarán en aspectos como a abordaxe de alimentación ao longo da historia da filosofía, con sesións de tarde, centradas na realidade galega e conferencias en horario nocturno, cun enfoque máis divulgativo e interdisciplinar. Entre outras cuestións, este conxunto de relatorio permitirán afondar en cuestións como a xustiza alimentaria, as dietas veganas como estratexia fronte a crise ecolóxica, a alimentación e a historia das mulleres en Galicia, a literatura gastronómica de Cunqueiro, a fame como arma de guerra, a neurociencia ou as achegas á antropoloxía ao mundo da alimentación.
