DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha competición organizada polo Departamento de Economía Financeira e Contabilidade

Unha semana e un millón de dólares para pór a proba as habilidades financeiras de 16 aspirantes a ‘corredores de bolsa’

As persoas gañadoras daranse a coñecer a comezos da vindeira semana

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Académica
D. Besadío DUVI 15/11/2021

Son 16 aspirantes a corredoras ou corredores de bolsa, unha das profesións máis demandadas e mellor pagadas que existen, e por diante teñen cinco días nos que sacar o máximo rendemento a unha carteira ficticia dun millón de dólares que poden investir en múltiples mercados e produtos. Este luns arrancou a segunda edición da Competición de Bolsa organizada polo Departamento de Economía Financeira e Contabilidade baixo a dirección do profesor Jorge Vila Biglieri.

Ao igual ca na anterior edición, celebrada en novembro de 2020, o profesor Vila explica que o que se busca é, sobre todo, promover a cultura financeira e que o alumnado poida asimilar os diferentes coñecementos e conceptos da mellor maneira que pode facelo: practicando. “Buscamos que cada participante consiga unha experiencia que lle permita coñecer o seu perfil de risco, practicando co funcionamento dos mercados, as perdas e os beneficios, algo que no mundo real podería saír moi caro”, explica o docente. Ao tempo, a competición servirá tamén para axudarlles aos participantes a diferenciar os diferentes tipos de produtos, as técnicas operativas, os prazos de investimento ou a importancia da diversificación.

Perfil moi variado, pero sobre todo alumnado de Economía e ADE

Entre as 16 persoas que participan este ano na competición o perfil é moi variado, pero destaca sobre todo o alumnado do ámbito xurídico-social, tanto de Economía e Administración e Dirección de Empresas, como do Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (Ieside, dependente de Afundación). “Ademais hai tamén numerosas persoas que son xa profesionais en activo, moitos deles vinculados ao Colexio de Economistas de Pontevedra, así como algunha persoa que nestes intres está en situación de desemprego”, explica Vila Bigleiri.

A formulación da competición segue o mesmo esquema que en 2020. “Empregamos a mesma plataforma de mediación financeira, das máis famosas a nivel mundial para levar a cabo este tipo de competicións universitarias”, recalca o docente, quen tamén apunta que a valoración desa primeira edición foi moi positiva, conseguíndose todos os obxectivos propostos, que pasaban, sobre todo “por axudar a divulgar este tipo de coñecementos financeiros fomentando as prácticas con cartos virtuais para que cada un dos participantes puidera descubrir se lle divertía o mercado financeiro e, o que é máis importante, se lle poden sacar proveito”.

En 2020 o gañador conseguiu converter un millón de euros en tres

Nesa primeira edición da competición fíxose co primeiro premio un alumno do Dobre Grao ADE-Dereito, que foi quen de triplicar a cantidade inicial, convertendo o millón de euros co que partiu ao inicio da competición en tres millóns de euros, o que supuxo un rendemento do 297,97%. Tras el clasificáronse  un estudante da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, que acadou un 83.78% de rendemento e, xa en terceiro lugar, un alumno da UNED, cun 38.49%. “Sacando estes casos, a maior parte dos participantes conseguiran tímidos beneficios ou perdas, o que demostra que gañar cartos en bolsa non é tan fácil como pode parecer”, engade o responsable da competición.

O gañador ou gañadora desta segunda edición, a persoa que nestes cinco días –ata o venres 19- obteña a maior rendibilidade coas súas decisións de investimento, darase a coñecer a comezos da vindeira semana. Entre outros beneficios, obterá o financiamento completo da seguinte edición do curso Advanced Trading, que acostuma celebrarse no mes de febreiro.