DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus promove a terceira edición de ‘6 días, 6 poetas’

Unha semana na que a poesía é a gran protagonista

O ciclo arrinca o vindeiro luns con Luis Alberto de Cuenca

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 27/02/2020

Reunir poetas e poetisas de diferentes xeracións, chegados desde diferentes partes do Estado, e cuxa obra teña dous denominadores comúns, a súa calidade e a súa capacidade para chegar ao público. Estes son os criterios que rexeron a organización ciclo 6 días, 6 poetas, que a Vicerreitoría do campus promove co obxectivo de achegar este xénero literario á cidadanía e que desenvolverá a súa terceira edición entre o vindeiro luns 2 de marzo e o sábado 7. Luis Alberto de Cuencia, Rocío Arana, José Mateos, Itziar Mínguez, Juan Ramón Barat e Javier Salvago serán os seis protagonistas desta serie de coloquios que arrincarán o vindeiro luns, na sede da Vicerreitoría, co Premio Nacional de Poesía e Premio Nacional da Crítica Luis Alberto de Cuenca.

“Esta semana da poesía é un complemento a outra serie de actividades, relacionadas tamén coa literatura e coa propia poesía, que enche un oco que nos parece moi importante”, salientou o director da Área de Dinamización Cultural, Educativa e de Integración do campus, Manuel Morquecho, na presentación desta programación, na que destacou que non coñece doutra iniciativa que dedique "unha semana completa" a este xénero literario. Na presentación, Morquecho estivo acompañado polo poeta e coordinador da actividade, Miguel d´Ors, que abordou os criterios que rexeron a selección de convidados e convidadas. Por unha banda, buscáronse “poetas de calidade”, pero tamén, explicou, autores e autoras cuxa obra “non escorrente ao público, poetas cuxa obra chegue por vía intuitiva ou imaxinativa, poetas cuxa obra teña relación coa vida”. Do mesmo xeito, d´Ors buscou que o ciclo contase con representación tanto masculina como feminina, ao igual que de autores de diferentes xeracións e de diferentes procedencias, que representasen á súa vez “estéticas tamén bastante distintas dentro desa accesibilidade”.

Seis días, seis citas

Programadas para as 20.00 horas entre o luns e o venres e ás 12.00 horas o sábado, o ciclo arrincará con Luis Alberto de Cuenca, un filólogo, tradutor, ensaísta, crítico, editor e poeta cuxa extensa traxectoria literaria foi distinguida con recoñecementos como o Premio Nacional da Crítica en 1985 e o Premio Nacional de Poesía en 2015. O autor, que será presentado polo crítico literario Ramón Rozas, foi así mesmo secretario de Estado de Cultura e director da Biblioteca Nacional, ademais de ser académico da Real Academia da Historia. Antes de inaugurar o ciclo, este helenista e profesor do CSIC, protagonizará, ás 13.00 horas, unha conferencia na Facultade de Filoloxía e Tradución, titulada El poeta en sus versos, na que abordará, entre outros aspectos, o diálogo que a súa poesía establece cos clásicos de Grecia e Roma. 

O martes chegará a quenda dunha das dúas autoras que, como apuntou D´Ors, representan á xeración de autores e autoras nacidos a partir da década de 1970, a sevillana Rocío Arana, profesora da Universidad Internacional de La Rioja e cuxa obra poética mereceu recoñecementos como o Premio Florentino Pérez-Embid. Arana será presentada pola profesora Cristina Ferradás, mentres que o mércores o ex-profesor da Universidade de Vigo Fernando Romo introducirá ao escritor, pintor e editor José Mateos, “un poeta case místico”, como salientou D´Ors. Nese cambio de estéticas proposto pola organización, o xoves chegará o momento de achegarse á “poesía máis conversacional, máis de rúa” da vasca Itziar Mínguez. Escritora, guionista de televisión e gañadora do Premio Internacional de Poesía Surcos, será presentada pola profesora do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura María Jesús Fariña. Xa o venres, o tamén docente deste departamento e decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero Reguera, encargarase de presentar a Juan Ramón Barat, un escritor valenciano recoñecido ao longo da súa traxectoria con premios internacionais de poesía como o Ciudad de Torrevieja, Ateneo Jovellanos de Gijón ou Leonor de Soria. 

6 días, 6 poetas despedirá a súa terceira edición o sábado 7 con Javier Salvago, un escritor que foi merecedor tamén do Premio Nacional da Crítica e un “grandísimo poeta que non tivo o recoñecemento que a súa obra merece”, como salientou D`Ors. O coordinador do ciclo lembrou nese senso que a finais da década de 1970, Salvago, que será presentado polo escritor e presidente do Ateneo, Xaime Toxo, converteuse nun “dos pioneiros do que despois se chamou poesía da experiencia”, cunha obra que desde o principio “levantou a bandeira da intimidade, du autobiográfico e da linguaxe transparente”.