DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A 'International Week on Marine Studies' reúne unha vintena de expertos en estudos mariños

Unha semana para reforzar relacións e explorar novas vías de colaboración entre universidades chinesas, Cabo Verde e Vigo 

A reitora caboverdiana avoga por expandir o traballo conxunto a outros ámbitos 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 15/07/2019

Dende hoxe e ata o vindeiro venres, unha vintena de persoas expertas en estudos mariñas e autoridades das universidades de Cabo Verde, Xiamen e da Ocean University of China, participarán na International Week on Marine Studies Multidisciplinary Approaches, organizada pola Universidade de Vigo e Campus do Mar e financiada polo programa Eramus+. Ao longo de cinco días, as e os participantes na semana internacional desenvolverán un completo programa de actividades científicas co obxectivo de afondar na relación que as institucións académicas chinesas e a africana manteñen deste hai anos coa Universidade de Vigo, así como de explorar novas vías de colaboración, máis aló do ámbito mariño. “Esta é unha relación de éxito e trátase de darlle continuidade, pero tamén de explorar novos temas de colaboración e converxencia, axeitados ás liñas preferentes de Campus do Mar e da Universidade de Vigo”, explica Daniel Rey, director de Campus do Mar e do CIM. Pola súa banda, Maribel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, destaca que “a idea é tamén traballar sobre futuros proxectos en común con estas universidades e organizar mobilidades K-107 que a Universidade de Vigo ten aprobadas con esas universidades para o curso que vén”.

Ata o vindeiro venres, as persoas participantes na semana internacional  intercambiarán experiencias con docentes e persoal investigador da Universidade de Vigo e de Campus do Mar, ademais de visitar laboratorios e centros de investigación, non só do ámbito mariño, senón tamén do tecnolóxico e o económico. “Tamén realizaremos unha visita ás Illas Cíes con documentación científica, na que lles amosaremos a riqueza do parque nacional”, explica Daniel Rey en relación co programa de actividades deseñado para as delegacións chinesa e africana, que tamén realizarán unha visita guiada polo casco histórico de Vigo e unha sesión de traballo sobre tradicións e cultura galega a cargo de Luis Prego da Asociación Casco Vello. 

Unha década de traballo conxunto Vigo-Cabo Verde

Se a primeira toma de contacto entre os responsables daquela de Campus do Mar coas universidades chinesas de Xiamen e a Ocean University se remonta ao ano 2012, a relación entre a Universidade de Vigo e a súa homóloga de Cabo Verde arrancaba no ano 2009. “Son dez anos. É unha relación moi antiga e non só longa, senón tamén con moitos produtos, como o proxecto de capacitación do noso profesorado e tamén do Instituto Nacional de Desenvolvemento de Pescas; as teses ou o programa de mestrado integrado de Oceanografía e Recursos Mariños”, detalla Judite da Encarnação Medina do Nascimento, reitora da Universidade de Cabo Verde, que encabeza a delegación da institución académica africana que estes días visita Vigo. Ademais de reforzar a relación entre o persoal investigador, a reitora considera esta semana unha boa oportunidade para fortalecer os vínculos entre ambas institucións e “expandirnos máis, abrirnos a outras áreas como saúde ou deporte, estudando as posibilidades de colaboración neses ámbitos”.

A reitora caboverdiana destaca de entre as accións desenvolvidas ao longo destes anos ao abeiro de Campus do Mar o proxecto Empreamar, Emprendemento no mar. Innovación para o desenvolvemento sostible das comunidades costeiras de Cabo Verde, que neste intre, ao inicio da súa segunda fase, permitirá crear unha incubadora “onde desenvolver proxectos para incubar empresas con impacto nacional. É o maior proxecto de transferencia que a nosa universidade desenvolve en consorcio cunha universidade estranxeira”, sinala Judite da Encarnação Medina do Nascimento, que incide no valor engadido que a relación entre Vigo e Cabo Verde supón para as dúas institucións académicas. Hai tres meses as dúas universidades asinaron un memorando de colaboración para a posta en marcha do proxecto Emprendemento e autoemprego para mozos e mulleres no sector da Economía Azul en Cabo Verde, cofinanciado pola Agencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento co obxectivo de contribuír á mellora da calidade de vida das persoas dependentes da Economía Azul ou Economía do Mar, a través da implementación de solucións innovadoras baseadas na formación e a promoción de emprendemento sustentable e rendible.