DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade terá lugar de xeito virtual o xoves 23 de abril

Un seminario abordará o respecto á protección de datos no teletraballo e na xeolocalización

Atendendo ao auxe destas cuestións na crise da COVID-19

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Saúde
  • TIC
  • Académica
DUVI 21/04/2020

Entre as consecuencias da crise da COVID-19 están a expansión do teletraballo e o uso da xeolocalización da cidadanía. O xoves 23 de abril, a sala virtual da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo acollerá un seminario no que se afondará no respecto á protección de datos nestas dúas cuestións de actualidade. 

A actividade, que leva por título Teletraballo e respecto á protección de datos, é posible?, está dirixida por Patricia Valcárcel, profesora titular de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo, e Arán Feijoó, consultor e delegado de protección de datos no Concello de Salvaterra de Miño, participando na súa organización a Área de Dereito Administrativo e a Agrupación de Grupos de Investigación de Dereito Administrativo e Filosofía do Dereito da Universidade. A posta en marcha do seminario, apuntan os seus responsables, xorde con motivo da entrada en vigor das recomendacións da Agencia Española de Protección de Datos para protexer os datos persoais en situacións de mobilidade e teletraballo e dando continuidade a actividades realizadas polas entidades organizadoras no eido da protección de datos desde o punto de vista do dereito administrativo. 

Aclarar dúbidas

Debido á COVID-19, explican desde a organización do seminario, “paralizouse a actividade e tanto as empresas como as institucións académicas, e o país en xeral, entraron de cheo no teletraballo”. Neste contexto, detallan, a Agencia Española de Protección de Datos emitiu un documento de recomendacións “necesarias” pero que, engaden, “crean dúbidas ao tratarse dun campo moi amplo”. Ademais, a posible xeolocalización dos cidadáns por cuestións estatísticas así como de traballadores, advirten, “toca temas como o dereito á privacidade fronte á desconexión”. Neste contexto, detallan os responsables desta iniciativa, o obxectivo da actividade é “clarificar dúbidas respecto a como e cara onde vai esta modalidade de teletraballo e que implicacións legais ten tanto en materia de protección de datos como en materia de liberdades publicas”. 

O seminario, que será presentado por Rafael Fernández, profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo, arrancará cunha introdución breve sobre a xeolocalización laboral asociada ao teletraballo e tendo en conta que, indican desde a organización da actividade, que a Agencia Española de Protección de Datos “non ten adoptado aínda unha postura oficial sobre esta situación e o seu previsible desenvolvemento normativo”. Blanca Muñoz, inspectora de datos da Unidad de Evaluación y Estudios Tecnológicos, falará sobre o teletraballo, a comunicación de datos en remoto e a mobilidade dos mesmos, clarificando as recomendacións da Agencia Española de Protección de Datos para o cumprimento normativo nesta modalidade laboral. Tamén participarán no seminario Itziar Sobrino, investigadora de predoutoramento da Universidade de Vigo e secretaria do evento e Arán Feijoó. 

A iniciativa está aberta ás persoas interesadas e especialmente dirixida a delegados e delegadas de protección de datos, empresariado, xuristas e representantes das e dos traballadores. Para inscribirse, a persoa interesada debe remitir un correo electrónico co seu nome, apelidos e enderezo electrónico que queira usar para esta actividade a isobrino@uvigo.es. A organización explicará ás e aos inscritos a forma de acceso ao seminario a través do Campus Remoto da UVigo.