DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar o martes na Vicerreitoría e poderá seguirse tamén a través de Campus Remoto

Un seminario achegará aos grupos de investigación as claves para optar a proxectos do Plan Nacional

Impartido pola investigadora Nuria Pedrol

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI Pontevedra 11/09/2020

Achegar aos investigadores e investigadoras do campus pontevedrés unha serie de claves que poidan servirlles de axuda á hora de presentar proxectos ás convocatorias do Plan Nacional é o obxectivo do seminario Pedir un proxecto: As claves do éxito, que a Vicerreitoría de Investigación e a Vicerreitoría do campus promoven conxuntamente o vindeiro martes. Dirixido a persoal docente e investigador, o seminario será impartido pola investigadora do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Universidade de Vigo Nuria Pedrol e poderá seguirse tanto de xeito presencial na sede da Vicerreitoría, cun aforo limitado a 15 persoas, como de xeito virtual, a través de Campus Remoto.

“O obxectivo desta xornada é dar a coñecer entre este colectivo as posibilidades de financiamento no Plan Nacional, como se solicita un proxecto e cales son as claves para encher a solicitude”, explica a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio. Nese mesmo senso, o vicerreitor do campus, Jorge Soto, pon o acento en que ante a próxima convocatoria de proxectos de I+D+i do Plan Nacional (Retos e Xeración do coñecemento) “consideramos moi importante saber cales son os procesos para pedir un proxecto, saber cales son os pasos para ter éxito nestas peticións”, xa que, subliña, máis aló da investigación en si “é un proceso que tamén ten as súas claves”. 

Como destaca Rubio, o Consello de Ministros aprobou esta semana a Estrategia Española de Ciencia, Tecnología e Innovación 2021-2027, “que entre as súas liñas estratéxicas inclúe moitas ás que podemos dar resposta desde a nosa Universidade e non podemos desaproveitar esta oportunidade”. Nese senso, a vicerreitora recalca a vontade da institución académica de “promover a investigación a nivel nacional e internacional en ámbitos que tradicionalmente obteñen os recursos local ou rexionalmente”, incidindo nese senso en que a Universidade conta con “investigadores excelentes, que poderían optar a fondos nacionais”, nas convocatorias de Retos e Xeración do Coñecemento. 

Presencial e virtual

Dadas as limitacións de aforo por mor das restricións motivadas pola covid-19, os investigadores e investigadoras que queiran acudir de xeito presencial a este seminario, programado para as 12.00 horas, deberán inscribirse previamente a través do correo electrónico vicinv@uvigo.es. A inscrición non será precisa para aqueles e aquelas que queiran seguir a xornada informativa a través de Campus Remoto, podendo tamén formular as súas preguntas á conferenciante, xa que o obxectivo, destaca Soto, “é que sexa algo bidireccional, no que haxa moita interacción”.

Unha visión “realista e práctica”

Profesora da Área de Fisioloxía Vexetal e membro do grupo de investigación Agroloxía Ambiental: Calidade Solos e Plantas, Nuria Pedrol “é unha investigadora que está tendo éxito nas súas solicitudes nas últimas convocatorias do Plan Nacional, que están sendo moi competitivas”, sinala Rubio. “Por iso cremos que é a persoa idónea para dar unha visión realista e práctica de como abordar a solicitude dun proxecto”, engade a vicerreitora, que sinala que este seminario insírese nunha acción da Vicerreitoría de Investigación que busca “facilitar e apoiar aos investigadores e investigadoras na súa carreira, como promove o selo HRS4R”, polo que prevé levar a cabo outras actividades deste tipo nos diferentes campus e esténdelas ao conxunto do PDI a través das ferramentas dixitais.