DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celébrase este xoves e venres na Facultade de Historia

Un seminario afonda no poder das monarquías ibéricas no século XVIII

No marco dun proxecto sobre o reino de Galicia durante o mandato de Felipe V

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI Ourense 27/02/2020

A análise do poder nas monarquías ibéricas no século XVIII desde as chamadas periferias concentradas. Con este obxectivo preséntase o Seminario Científico Internacional Monarquías ibéricas, poderes e territorios. Institucións, nobreza e dinámicas políticas (s. XVIII). A cita celébrase estes xoves e venres na Facultade de Historia do campus de Ourense organizada no marco do proxecto O reino de Galicia na monarquía de Felipe V e polo Grupo de Investigación H2M-Equipo Historia Moderna da Universidade de Vigo.

A celebración deste seminario forma parte das actividades do proxecto de I+D subvencionado polo Ministerio de Economía e Competitividade O reino de Galicia na monarquía de Felipe V, cofinanciado pola Axencia Estatal de Investigación e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. O seu principal obxectivo é fomentar a análise comparada e o debate sobre o estudo do poder, institucións e dinámicas políticas durante o período dos primeiros Borbóns entre persoal investigador de distintas universidades, así como sentar as bases para futuras colaboracións con outros grupos de investigación. Contando coa participación interdisciplinar das tres universidades galegas, xa que están implicados especialistas das áreas de dereito, política e historia, e posto en marcha en 2017, o proxecto ten como investigadora principal a María López, catedrática da Universidade de Vigo.

Visión interdisciplinar

O evento que acolle este xoves e venres o campus de Ourense, indican desde a súa organización, reúne a investigadoras e investigadores “de distintas disciplinas e universidades cuxas investigacións se orientan ao estudo do poder nas monarquías ibéricas do setecentos, afrontándoo con enfoques e metodoloxías dispares pero un obxectivo común, como é a súa abordaxe desde as chamadas periferias concentradas”. A importancia do elemento espacial/territorial na proposta deste seminario, engaden, “conxúgase con outras tres variables: as institucións, a nobreza e as dinámicas políticas, que son elos que ligan esas periferias ou confíns da monarquía co centro difuso (coroa/corte)”.

Estruturado en tres sesións, na primeira parte do seminario, comentan desde a súa organización, “incídese na relación entre a coroa/corte e os poderes locais/territoriais, atendendo tanto ás institucións políticas que exercen ese papel vincular como ás dinámicas que a súa funcionalidade como instancia delegada, servidores ou axentes executores da política rexia xeran no espazo local e provincial”. A segunda parte das intervencións céntrase especificamente no poder e institucións locais e territoriais do espazo urbano, con particular atención ás dialécticas xeradas con outros poderes concorrentes sobre este espazo, como o poder eclesiástico. A terceira e última parte do seminario trata sobre o trinomio “nobreza, poder e institucións políticas, pondo o aceno na dimensión social do poder e das institucións políticas a través da análise de estados, grupos ou familias concretas”.

“Este seminario ten por obxectivo o estudo do poder e da política desde abaixo, desde os ámbitos periféricos. Nestas periferias concorren poderes locais, poderes territoriais ou intermedios, poderes eclesiásticos... poderes de diferente índole. E ademais concorren institucións rexias que dalgunha maneira son os vehículos que ligan as políticas da corte coa realidade do día a día da xestión dun territorio ou o que é a xestión das cidades”, comentou María López, presidenta do comité organizador do evento, durante a súa presentación. As tres sesións que conforman o seminario, engadiu, pretenden “dar unha visión ampla” dos ámbitos abordados que “permita avanzar na investigación histórica”. Entre os temas abordados na primeira sesión estiveron a representación de Galicia na corte durante o reinado de Felipe V a través de deputados xerais, comisionados e axentes; a intendencia galega e a súa “contestada" implantación ou a organización militar de Galicia na década de 1720.