DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O investigador da UDC José María Mesías imparte un taller en Ciencias da Educación e do Deporte

Un seminario afonda nas posibilidades educativas da arte contemporánea

Completado coa posta en práctica de accións artísticas co alumnado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Académica
DUVI Pontevedra 15/11/2018

“A educación artística serve para desenvolvernos na vida, danos un pensamento diverxente, transgresor, permítenos ver máis da realidade e non só un único punto de vista”, salienta o artista e investigador da Universidade da Coruña, José María Mesías, responsable de impartir, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o seminario 5 peles: Micro-accións performativas para unha educación artítstica sensible. Promovido pola profesora do Departamento de Didácticas Específicas Rut Martínez e dirixido ao alumnado dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria, o seminario que se desenvolve na tarde deste xoves combina un achegamento a diferentes proxectos que trasladan os procesos artísticos contemporáneos a contextos educativos, desenvolvidos polo grupo de investigación Arte-Facto, que dirixe Mesías, coa ideación e experimentación, por parte do alumnado, de accións artísticas “que teñan detrás unha argumentación pedagóxica”.

Aínda que, dentro do ensino regrado, desenvólvense no eido da educación artística “propostas moi boas, polo xeral trátase de actividades rutineiras, carentes dunha formación artística e que recorren moito as manualidades”, sinala Mesías, que incide nese punto no valor da educación artística “para desenvolvernos na vida” e na necesidade de achegar ao profesorado do futuro novas metodoloxías. Nese senso, o seminario que nesta xornada imparte no campus ten como propósito “traballar as experiencias estéticas e a sensibilidade a través da arte contemporánea”. Con ese obxectivo, este docente, investigador e artista achegou á sesión unha serie de exemplos de proxectos e experiencias levadas a cabo polo grupo Arte-Facto, “no que traballamos coa idea de levar aos artistas contemporáneos a habitar as escolas”; proxectos como Inseparables, unha actividade que levaron a cabo con cinco artistas en cinco colexios da Coruña e que “pretendía traballar a experiencia estética dun obxecto valioso para os nenos e nenas”, que achegaban aos seus centros un deses obxectos “que para eles é inseparable e que analizabamos desde o punto de vista estético e corporal” e que rematou coa presentación das propostas artísticas desenvolvidas na Fundación Luís Seoane. Así mesmo, Mesías tamén abordou coa alumnado outra serie de iniciativas como o proxecto de cooperación artística en “contextos de inclusión” que levou a cabo recentemente na India ou o festival SensArt Week, unha iniciativa de “educación artística participativa” levada a cabo nas rúas da Coruña.

Cinco peles como punto de partida

Para abordar dun xeito práctico este uso dos procesos artísticos nun contexto educativo, Mesías tomou como punto de partida a teoría das “cinco peles” do artista Friedensreich Hundertwasser, “quen dicía que formamos parte de cinco capas, a pel, a roupa, a casa, a nosa contorna e o cosmos”, ideas a partires das que propuxo unha serie accións artísticas, que tiñan como base a performance e a sensibilidade corporal, para traballar no eido da educación infantil. Accións que levaron ao alumnado a diferentes puntos da facultade co propósito, sinala Mesías, de que “experimenten con elas e as vivan en primeira persoa, para que despois poidan desenvolvelas nunha aula cando sexan profesores”.