DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade celebrouse este xoves na Facultade de Educación e Traballo Social

Un seminario afonda na violencia económica desde a perspectiva da intervención social e xurídica

No marco dun proxecto europeo liderado desde a Universidad de Extremadura

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 05/11/2026

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este xoves a celebración do seminario O nexo socioxurídico da violencia económica: do traballo social aos tribunais, "un espazo para reflexionar sobre esta realidade desde unha perspectiva interdisciplinar, conectando a intervención social co ámbito xurídico". A actividade estivo organizada, co apoio do centro, polo Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia da UVigo (Gets-it) e coordinada polas profesoras Sabela Pérez e Yolanda García. 

Segundo explican desde a súa organización, o seminario xorde dunha proposta formativa impulsada desde a Universidad de Extremadura no marco do proxecto Ecovio Educa, financiado pola Unión Europea e o Ministerio de Dereitos Sociais e que ten como finalidade sensibilizar e concienciar á mocidade sobre a violencia económica de xénero. Pola súa banda, a actividade celebrada en Ourense, comentan as súas responsables, “responde á necesidade de visibilizar unha das manifestacións máis invisibilizadas da violencia machista, que ten importantes repercusións sobre a autonomía económica, as condicións de vida e os procesos de recuperación das mulleres: a violencia económica”. 

Superar as respostas institucionais fragmentadas

Esta violencia económica, detallan as profesoras da UVigo, “non se limita ao control dos ingresos ou á privación de recursos durante a convivencia, senón que pode prolongarse tras a ruptura da relación, a través de prácticas que perpetúan a dependencia económica e o control sobre as mulleres”. Desde o Gets-it, sinalan, “consideramos especialmente importante abordar esta problemática na formación das futuras e futuros profesionais do Traballo Social, dado o seu papel fundamental na detección temperá da violencia, na identificación das situacións de vulnerabilidade e no acompañamento das mulleres”.

Un dos retos fronte á violencia económica, subliñan as investigadoras da UVigo, é “superar as respostas institucionais fragmentadas”. Así, sinalan, “a identificación desta violencia desde os servizos sociais non sempre se traduce no seu recoñecemento no ámbito xudicial, polo que resulta imprescindible fortalecer a coordinación entre profesionais e garantir que a información recollida durante a intervención social poida contribuír á acreditación desta forma de violencia”. Neste senso destacan que o valor diferencial do seminario celebrado este xoves en Ourense “reside en conectar tres ámbitos que, malia seren complementarios, non sempre traballan de maneira coordinada: a investigación académica, a intervención social e a resposta xudicial”. Esta perspectiva, recalcan, “permite reflexionar tanto sobre as dificultades para identificar e demostrar a violencia económica como sobre a responsabilidade das institucións á hora de ofrecer respostas eficaces, evitando que a falta de recoñecemento ou as deficiencias na intervención contribúan á revitimización das mulleres”. 

Tres conferencias, tres visións

A programación desenvolvida este xoves quixo “contribuír á formación dun traballo social cunha perspectiva crítica e de xénero, capaz de identificar as distintas manifestacións da violencia machista e de desempeñar un papel activo na defensa dos dereitos das mulleres”. A actividade arrancou con intervencións de membros do proxecto Ecovio Educa. A primeira foi unha conferencia sobre a detección desta violencia económica en primeira liña a cargo de Inmaculada Domínguez, profesora e investigadora da Universidad de Extremadura. Nela abordou a identificación e valoración do dano na violencia económica (indicadores e dinámicas do abuso económico antes e despois da relación de parella) centrándose en como poden as e os profesionais do traballo social “ler entre liñas” e  identificar estes indicadores de control financeiro nas entrevistas de valoración e documentar o dano e a vulnerabilidade da vítima. Seguiulle Ana María García, avogada da Asociación de Mujeres Separadas y Divorciadas Carmen García Castellón, que falou sobre a intervención coa vítima e o nexo entre o acompañamento social e a construción da defensa letrada. Nela explicou como o traballo coordinado, o acompañamento social e os informes técnicos constitúen elementos fundamentais para que as e os profesionais do dereito poidan articular unha defensa sólida ante a violencia patrimonial.

O seminario pechouse achegándose á resposta xudicial e ao valor da proba neste tipo de violencia, cunha conferencia de Lucía Avilés, maxistrada e vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial. Neste caso, a intervención centrouse na valoración xudicial da violencia económica: retos probatorios, o valor do informe social e a xurisprudencia con perspectiva de xénero. Tamén se analizou as dificultades para probar este tipo de violencia, a importancia fundamental dos informes sociais e de vulnerabilidade elaborados polas e polos profesionais do traballo social así como os criterios actuais dos tribunais desde unha perspectiva de xénero.