DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impartido polo colectivo Taller Abierto, ten lugar en Ciencias da Educación e do Deporte

Un seminario para afondar na educación plástica máis aló dos “traballos manuais”

Dirixido a achegar ao alumnado exemplos de tarefas que potencian a creatividade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 06/02/2023

Creatividade fronte a imitación. Esta contraposición constitúe o eixo central do seminario Didáctica da plástica contemporánea, que se desenvolve na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e que ten como obxectivo achegar ao alumnado “experiencias formativas reais” no eido da educación artística que lles permitan afondar “nas súas posibilidades conceptuais e formais nas diversas etapas” do ensino, como sinalan os seus responsables. Coordinada polos profesores Cristina Varela e Cristian Gradín, o propósito desta actividade é por de relevo como, con frecuencia, “o espazo da expresión plástica en educación é identificado coa realización de traballos manuais”, cando esta formación, subliñan, debería partir de “posicionamentos creativos que eviten tarefas só miméticas”. 

Promovido coa colaboración da facultade e da Vicerreitoría do campus, este seminario corre a cargo das arquitectas Ana Barreiro e África Martínez, responsables do colectivo Taller Abierto, que achegaron ao alumnado unha serie de exemplos do labor que desenvolven en ámbitos como a organización de cursos de formación para docentes, o comisariado de exposicións ou a produción de material didáctico. “A educación plástica é unha materia onde a creatividade e a liberdade de expresión son fundamentais”, sinala Martínez, que pon o foco na necesidade de que a educación plástica vaia máis aló de “actividades que fomentan a reprodución dun resultado predeterminado” ,xa que estas “limitan o potencial” do alumnado e “impiden que se poida explorar ao máximo a capacidade creadora da persoa”.

Un mesmo punto de partida, diversos resultados

Cunha primeira sesión o pasado xoves e a segunda e última na tarde deste luns, o propósito central desta actividade foi nese senso achegar ao alumnado da facultade unha serie de propostas de actividades articuladas en torno a esta idea. “Os nosos exercicios plásticos parten sempre de premisas claras e abertas, que inciden nos procesos e non nos resultados”, salientan desde Taller Abierto, que, en primeiro termo, presentaron unha serie de exemplos dos seus proxectos, coa idea de afondar no seu “enfoque da ensinanza plástica”, para logo propor ao alumnado unha serie de actividades. “Tentamos que sexan propostas sorprendentes, que lles fagan reflexionar sobre as posibilidades da didáctica das artes plásticas e como poderían incluíla na súa futura actividade como docentes, non só como un fin en si mesmo, senón tamén como un medio para abordar outras materias”, sinalan. 

A idea, explican, era que “partindo dun enunciado común”, o alumnado chegase a resultados diversos, en función “das súas experiencias e bagaxe”. Deste xeito, as dúas sesións arrancaron cunha proposta na que as e os participantes debían describir “unha experiencia coa plástica que lembrasen como negativo”, coa idea de promover unha reflexión sobre o propio eixo desta actividade. Noutra das propostas cada alumno ou alumno debía describirse fisicamente nunhas pequenas cartolinas, que logo foron repartidas de novo para que outro estudante debuxase na outra cara o seu rostro, partindo desa descrición. Xunto a actividades inspiradas nas obras da fotógrafa Angelica Dass e na profesora de arte Betty Edwards, outro dos puntos nos que puxo o foco este seminario foi no feito de que o profesorado de primaria con frecuencia ten que programar exercicios relacionados cunha determinada conmemoración. Así, Martínez e Barreiro presentaron tamén unha serie de propostas de actividade, como “un exercicio de escultura a partir de poliedros”, que tiña como eixo temático o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.