A actividade celébrase este mércores e xoves na Facultade de Dereito
Un seminario explora as implicacións xurídicas da alimentación funcional
No marco da liña de traballo do Campus Auga nesta temática
A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolle este mércores e xoves a celebración do seminario A alimentación funcional como dereito subxectivo, unha actividade que explora as implicacións xurídicas dun fenómeno cada vez máis estendido na sociedade: a organización da dieta non só para nutrirse, senón para obter un beneficio concreto para a saúde ou o benestar, como poden ser mellorar a dixestión, o colesterol ou o rendemento físico.
O seminario está dirixido por Lidia Noriega e coordinado por Eva Fernández, ambas da Área de Dereito Civil da Universidade de Vigo, e na súa apertura este mércores participou a decana da Facultade de Dereito, Susana Álvarez. A iniciativa, indicouse, xorde no marco da liña de traballo en alimentación funcional do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia.
Na regulación do dereito, explicaron desde a organización do seminario, hai temas referidos á alimentación, como por exemplo que os pais teñen a obriga de alimentar aos fillos e fillas ou os contratos de alimentos entre familiares e persoas maiores e co nutricionista. Neste contexto, a alimentación funcional, engadiron, é un concepto que xorde en Xapón nos anos 90 do século pasado que non se centra tanto nas características dun produto (en se é rico ou non en determinadas vitaminas, por exemplo) senón que se enfoca en como, dentro dunha dieta, ata que punto hai equilibrio e se relaciona coa saúde.
“Este fenómeno cotián da alimentación funcional abre preguntas xurídicas aínda sen resposta clara: existe un dereito a alimentarse funcionalmente? Quen decide a dieta dos menores ou das persoas con discapacidade? Que compromete quen deseña ou presta esa alimentación, e que pode esixir quen a contrata? Este seminario trata de procurar respostas a estas cuestións”, sinalaron desde a organización da actividade. Para intentar albiscar respostas xurídicas a estas cuestións, o seminario reúne relatoras e relatores de distintas universidades, como as de Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela e Autónoma de Lisboa Luís Camões.
O programa desenvólvese ao longo de dúas xornadas. Este mércores inclúe intervencións sobre a obriga legal de alimentos entre parentes, a alimentación funcional como dereito subxectivo, o legado de alimentos como instrumento de planificación sucesoria e a protección do consumidor vulnerable. Xa o xoves, a actividade continuará abordando cuestións como a alimentación funcional como obriga cara aos fillos, no arrendamento de servizos profesionais e nos réximes económicos matrimoniais.
