A actividade celébrase este mércores e xoves no campus
Un seminario explora as interseccións entre migración, coidados e xénero
Coa participación de profesoras das tres universidades galegas e foráneas
O Grupo de Estudos en Traballo Social, Investigación e Transferencia (GEts-it) da Universidade de Vigo celebra este mércores e xoves, na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, o seminario de investigación Migracións, coidados e relacións de xénero. A cita conta con financiamento do Instituto de las Mujeres, do Ministerio de Igualdad.
Na inauguración, destacouse o carácter internacional e a calidade científica do seminario. Iria Vázquez, profesora de Socioloxía da UVigo coordinadora da actividade, salientou que se trata dun seminario híbrido, no que se quere establecer un diálogo entre o académico, o tecido social e o artístico, escoitando voces non só galegas senón tamén internacionais. Neste marco, indicou, a temática que percorre a programación é analizar como a desigualdade nos coidados se percibe nos países de orixe das mulleres migrantes (desde Cabo Verde a Sudamérica) e no de destino e na súa xestión transnacional.
Do mesmo xeito, Carmen Verde, directora do GEts-it, explicou que “nas interseccións entre migracións, coidados e xénero brotan persoas, non son só interseccións teóricas: atopámonos mulleres que están atravesadas pola súa identidade de xénero, co que iso significa a efectos de desigualdades estruturais, e que están atravesadas por mandatos en relación aos coidados que lle teñen sido asignados socialmente por sociedades patriarcais, de aquí e de aló”. Eses coidados que lles dan “aos seus” nos países de orixe, lembrou, son logos traspasados e súmanse aos coidados que lle teñen que dar “aos outros” nos países de destino, ás persoas para as que traballan.
Pola súa banda, Yolanda Rodríguez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo, salientou que esta actividade constitúe “un bo espazo para a reflexión e a análise arredor de tres eixos fundamentais da nosa sociedade: a migración, os coidados e o xénero”, pondo o aceno na complexidade da súa abordaxe. Igualmente, Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social, subliñou a importancia de repensar e reflexionar sobre esta temática e a importancia de facelo desde novas perspectivas interseccionais para avanzar cara “sociedade máis inclusivas e respectuosas”.
Das experiencias migratorias á perspectiva feminista
O seminario, indican desde a súa organización, “ten o obxectivo de amosar investigacións realizadas en diferentes contextos migratorios, coa ollada posta nas relacións de xénero e na crise global do traballo de coidados”. Na parte das conferencias, conta coa participación de profesoras e investigadoras das tres universidades galegas e tamén con investigadoras foráneas. Ademais, nel ten cabida tanto o tecido social como a parte artística, neste último caso considerada como unha ferramenta de transformación social.
A programación arrancou coa conferencia Conformando nexos de cultivo: o feminino e os coidados nas experiencias migratorias, a cargo de Andréa Lobo, profesora na Universidade de Brasilia. Seguíronlle ao longo da mañá as intervencións Expresión artística, xénero e migracións: arquivo batuku e directorio de artistas globais en Galicia, con Luzia Oca (USC); Iria Vázquez (UVigo) e Sarah Lamas (UDC), e As avoas transnacionais. Dar e recibir coidados no espazo transnacional, con Belén Fernández, Antía Pérez e Estefanía Tarrío (UDC). Pola tarde, a actividade continuará cunha conferencia sobre a circulación transnacional dos coidados e o seu impacto no desenvolvemento, de Ninna Nyberg Sørensen, investigadora do Danish Institute for International Studies. Completando este primeiro día de programación tamén se inaugurará a exposición fotográfica Coidados na diáspora. Unha autoetnografía fotográfica de mulleres caboverdianas en España, presentada pola súa comisaria Keina Espiñeira (UDC). Por último, proxectarase o documental Si ka badu ka ta biradu (2022), sobre a experiencia migratoria e de coidados transnacionais das mulleres caboverdianas residentes en Galicia, con debate posterior.
Xa o xoves, haberá unha conferencia sobre os borrados e as desconexións epistémicas como métodos para soster a diferenza colonial Norte-Sur, con Karina Ochoa, da Universidad Autónoma Metropolitana, México, e outra sobre (Re) Negociacións identitarias e círculos colaborativos de mulleres en Cabo Verde, a cargo de Celeste Fortes (Universidade de Cabo Verde). Antes do peche e conclusións celebrarse unha mesa redonda sobre perspectiva feminista nos coidados coa participación de Rebeca Raso (Cooperativa Feitoría Verde); Mari Fidalgo (Xeracción); Branca Albán (Cooperativa Outonía); Fedra Alcaraz (Cooperativa A Morada) e Paula Frieiro (UVigo).