DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man de artista visual Mar Caldas e o cineasta da BBC Maurice Fitzpatrick

Un seminario explora as linguaxes da imaxe para “construír memoria” familiar e colectiva

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Académica
DUVI 30/10/2025

Coa imaxe como protagonista e da man da artista visual e profesora de Belas Artes Mar Caldas e do cineasta da BBC Maurice Fitzpatrick, a Facultade de Filoloxía e Tradución acolleu este xoves un seminario que explorou un amplo abano de linguaxes que articulan as narrativas da memoria pública e privada nas súas obras, dende o collage fotográfico e a instalación ata as obras fílmicas e o documental.

O evento contou co financiamento do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá e do Instituto de Investigación Lingua (iLingua) e foi organizado pola profesora Teresa Caneda, que explicou que “este seminario é o primeiro dunha serie que pretende reflexionar sobre os códigos que subxacen á expresión de acontecementos que conforman a nosa ‘memoria’”. 

A xornada desenvolveuse en dous bloques, o primeiro, da man de Mar Caldas, cuxa obra foi este ano obxecto dunha ampla mostra no Centro Galego de Arte Contemporánea titulada Mulleres, traballo e memoria, tal e como lembrou a profesora Caneda. A súa intervención neste seminario xirou arredor da fotografía familiar e a memoria democrática e tivo como fío condutor o filme 12 de maio de 1937, un cinta dirixida por ela mesma na que conta a historia do seu avó, José Caldas, sindicalista e concelleiro socialista fusilado en Vigo nesa data. No documental, a voz en off da artista ilustra fotografías do álbum familiar e do estudo Pacheco coas que percorre a historia familiar marcada pola perda e a violencia e que serve tamén para facer memoria colectiva e social. A través das imaxes conservadas pola familia e de novas de xornais da época, cartas e documentos públicos, Caldas realiza un percorrido íntimo pola historia familiar pero tamén transita pola memoria colectiva dunha época que marcou a historia do país reivindicando a “memoria transxeracional” a través dun relato de carácter feminista co que demanda xustiza e reparación.

Entre o memorial privado e o colectivo

Na súa intervención antes da proxección do documental, Caldas destacou o potencial que teñen as fotografías familiares para a identificación e a empatía, pero lembrou que tamén poden servir como medios de resistencia e de reparación. E é que certas fotos en determinados contextos de “trauma político, histórico ou cultural”, máis aló da súa función de “memorial privado no espazo doméstico”, poden chegar a converterse en bandeiras da resistencia. Cando esas imaxes “se sacan á rúa” e se empregan “para “reivindicar ou lembrar as persoas que sufriron algún tipo de persecución, desaparición ou eliminación, pasan a cumprir unha función diferente, unha función conmemorativa e política”, dous aspectos da fotografía polos que Caldas amosou especial interese. 

Como exemplos desa intencionalidade reivindicativa das imaxes, a artista repasou traballos de varios artistas sobre os desaparecidos durante a ditadura arxentina, pero tamén puxo como exemplo ás Nais da Praza de Maio, que empregan as imaxes familiares dos seus desaparecidos “cunha función política e como medio de reparación e de resistencia”. 

Poñer voz ás fotos silenciosas

A pesar de seren imaxes moi poderosas, as fotografía familiares, reflexionaba Mar Caldas, “son silenciosas”. Aínda que agochen tras elas unha historia de dor ou perda non a revelan por si mesmas, “necesitamos facelas falar, necesitamos un texto, porque o horror non está na imaxe, está na historia que está oculta, temos que convertelas en imaxes-prosa”. Ese foi precisamente o traballo que Caldas realizou no documental sobre o seu avó, dotando as fotografías familiares de memoria, da memoria das xeracións que o viviron pero tamén da memoria da xeración posterior, a súa, que viviu a historia “a través da memoria indirecta, non vivida, da memoria contada, da memoria transxeracional”. Unha memoria que como destacaba Caldas, ten moitos ocos e baleiros, porque “se xa a memoria vivida é incompleta e fragmentaria, a memoria da memoria é aínda máis incompleta”. Pero á vez “é poderosa, porque establece unha conexión moi forte co que aconteceu e invoca a imaxinación e a creación, con moitas hipóteses e moitos “e se...” e iso activa e idea de imaxinar o que puido ser”. Eses son os ocos que coa memoria da súa avoa e coa “memoria da memoria propia” trata de encher Caldas no documental, unha peza que posteriormente derivou nunha obra máis ampla baixo o título Retrato de familia que comprende diferentes disciplinas.

Recordo e esquecemento do conflito irlandés

A segunda parte da xornada estivo protagonizada por Maurice Fitzpatrick, cineasta e investigador Marie Curie Fellow at Sciences Po Paris, que abordou as políticas do recordo e do esquecemento do conflito irlandés a través de dous dos seus documentais The Boys of St Columb’s (2009) e John Hume in America (2017), un filme que reúne un extraordinario elenco de colaboradores con entrevistas a expresidentes estadounidenses (Jimmy Carter, Bill Clinton), primeiros ministros británicos (Tony Blair, John Major) e irlandeses (Enda Kenny, Bertie Ahern) así como destacados comentaristas políticos de Estados Unidos e Gran Bretaña a ambos lados do espectro político de Irlanda do Norte. Fitzpatrick, subliñou a complexidade do contexto socio-histórico do conflicto e ofreceu unha reflexión sobre o papel dos artistas na conformación de espacios de memoria alternativos. Neste senso, asegurou, os filmes nos que está a traballar neste momento queren contribuir a reconfigurar unha linguaxe de reconciliación fronte ao discurso fosilizado da violencia.