DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A facultade rendeulle homenaxe este martes coa inauguración dunha placa e un retrato oficial

O Seminario profesora Almudena Bergarache Gros mantén vivo o legado da exdecana de Ciencias Xurídicas e do Traballo

Participaron o viúvo da docente, profesorado, alumnado, PAS e a vicerreitora de Comunicación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Institucional
D. Besadío DUVI 20/12/2022

Amiga, profesora, decana, intelectual e, sobre todo, unha persoa comprometida, comprometida, entre outras moitas causas, coa dirección e xestión académica e, máis concretamente, coa Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, á que chegou no ano 2003 e que dirixiu dende setembro do 2016 ata novembro de 2019, apenas uns meses antes do seu falecemento en febreiro de 2020. Os compañeiros e amigos da profesora Almudana Bergareche rendéronlle hoxe homenaxe e fixérono coa inauguración dunha placa que pon o seu nome a, ata agora, Aula A209, situada na área do decanato da facultade e a presentación pública dun retrato oficial, realizado pola artista Pilar Alonso, que se situará no salón de graos do centro.

Foi un acto “moi emotivo”, tal e como recoñecía o actual decano, o profesor Francisco Torres, que contou coa participación de numeroso profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos, “cuxo labor tanto respectaba”, tal e como lembraron algúns dos asistentes, así como da vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; o viúvo da docente, José María Ordóñez, e a autora do cadro.

Unha placa e un retrato “en substitución dunha ausencia”

A placa  conmemorativa do Seminario profesora Almudena Bergarache Gros foi realizada polo escultor Xuxo Vázquez, afincado en Tomiño e amigo persoal da docente. “É unha peza moi do gusto de Almudena e feita con moito mimo e con alma”, salientou Torres, ao que o viúvo da homenaxeada engadiu que conta, ademais,  “cunha característica especial, xa que está realizada coa pedra que máis lle gustaba a Almudena,  o granito sudafricano”.

Moitas e moitos dos asistentes, entre eles o propio decano, admitiron que se emocionaron ao ver por primeira vez o cadro. Neste sentido Torres agradeceu o traballo da artista e tamén da familia: a súa parella José María e os seus fillos, Helena e Antxón, que en todo momento se amosaron colaboradores “para chegar á alma da retratada”. Na súa intervención, Pilar Alonso, artista afincada tamén en Tomiño, explicou que o seu enfoque foi o de empregar o retrato “como algo que, en casos como este, debería de ser empático, un diálogo no que eu, artista, solo teño que preguntar para que a entrevistada se amose ao público, na individualidade do íntimo, do que a diferencia, pero tamén na súa faceta pública, na que a identifica cos demais”.  Alonso admitiu que este é un retrato “moi específico, dadas as circunstancias do encargo e, como tal tenteino resolver”, apuntou a artista, ao tempo que explicou que, neste caso, se tratou dun diálogo a varias voces, pois ao non poder facelo directamente con Almudena fíxoo cos seus achegados, que lle falaron dela, da súa empatía, da súa intelectualidade e do seu amor polos libros. “Espero ter estado á altura das miñas intencións e dos meus interlocutores para darlle voz a este retrato que se converte así na substitución dunha ausencia”, recalcou a pintora.

Doazón á facultade de parte da súa biblioteca, composta por máis de 23.000 volumes

Aproveitando a celebración deste acto a parella da profesora Bergareche Gros, José María Ordóñez, fixo pública na súa intervención a doazón á Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo de parte da “excepcional biblioteca” desta docente, composta por máis de 23.000 volumes, así como a posta en marcha dunha serie de seminarios mensuais que el mesmo se encargará de impartir e cos que dará continuidade “a unha liña de traballo común que Almudena e eu viñamos levando a cabo e que se truncou coa súa morte”, subliñou emocionado Ordoñez, ao que engadiu que levaban “46 anos vivindo e traballando xuntos”.

O obxectivo dos seminarios, que terán unha periodicidade mensual, será, tal e como asegurou Ordóñez, “recuperar o interdisciplinario na ciencia social”, salientou, ao tempo que lembrou a intensa relación da profesora co mundo académico italiano (Turín, Nápoles e Salerno). Os dous primeiros seminarios versarán sobre a socioloxía do dereito de Mar Weber, o primeiro, e, xa o segundo, sobre verdades e mentiras no sentido extramoral de Nietzsche. “Iremos traballando unha vez ao mes en sesións de seminarios abertos,  e esa será a miña humilde contribución a este seminario”.

En relación ao cadro o viúvo amosou “agradecemento infinito” e gabou o labor de Alonso, á que se referiu como “unha real artista”, “de profunda formación e un carácter con notas sevillanas moi específicas, algo realmente moi bonito, sobre todo se quen fala é un sevillano”. Así mesmo contou anécdotas como que Almudena se refería ao traxe académico como “traxe de lagarterana e tivemos moitas discusións na familia sobre si facer ou non o retrato con este traxe”, finalmente optouse por el.