A actividade celebrouse na Facultade de Educación e Traballo Social
Un seminario trae ao campus os estilos musicais brasileiros
Foi impartido pola investigadora Valéria Garcia Soares
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu esta semana o seminario práctico N’o Passo da música brasileira: estilos musicais brasileiros e Método Passo. Foi ofrecido por Valéria Garcia Soares, licenciada en Música, mestrado en Musicoloxía e investigadora da Universidade Federal do Estado do Rio de Janeiro (UniRio), Brasil.
A actividade estivo organizada pola profesora Lucía Casal, da Área de Didáctica da Expresión Musical e coordinadora do grupo de innovación docente DidArtes-UVigo, co apoio da Vicerreitoría do campus de Ourense. O seminario comezou abordando algúns conceptos introdutorios da música popular brasileira: o hibridismo cultural, a antropografía, os matices influentes nela (europeos, indíxenas e africanos), pasando por un percorrido por músicas e músicos destacados, como as pioneiras Chiquinha Gouzaga, Pxininguinha e Ernesto Nazaré ou Clementine de Jesús. Estas figuras, explicouse na sesión, "foron referentes na reivindicación do xénero, raza e diversidade".
Durante esta primeira parte, as persoas participantes tamén se achegaron a outros autores e autoras como Villa-Lobos, que colaborou co español Andrés Segovia, e abordáronse algúns instrumentos típicos como o cavaquinho ou o agogó, coñecido por acompañar a samba. Este estilo foi especialmente abordado no seminario, apuntándose como inicialmente foi perseguido pero posteriormente, a partir dos anos 30, foi convertido en elemento unificador, establecéndose como estilo oficial brasileiro. A partir dos anos 50-60 abordouse a bossa nova e a tropicália, movemento contrapolítico liderado por Caetano Veloso e Gilberto Gil.
A segunda parte do seminario ofrecido por Valéria Garcia Soares, que actualmente realiza unha estadía de investigación no campus de Ourense cunha axuda do goberno brasileiro (Capes), tivo unha aplicación práctica. Comezou contextualizado as prácticas pedagóxicas de Sá Pereira, que, dixo a relatora, foi o primeiro en establecer un curso de Rítmica en Brasil. Segundo se explicou na sesión celebrada este mérores, xunto coas ideas dalcrozianas, procedentes de Europa, nos anos 90 xurde o Método Passo, no que se centrou a parte práctica do seminario. Nela, as persoas asistentes puideron musicalizarse a través do movemento con exercicios deste método, que aborda conceptos puramente musicais como a síncopa e a polirritmia a través da práctica vivencial e do corpo como elemento máis democrático de acceso á educación musical. As persoas participantes, maioritariamente alumnado do Programa de Maiores do campus, danzaron estilos como o baião, en sintonía coa relatora, que acompañou ao grupo tocando o agogó.
