DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na FFT da man de dúas destacadas académicas do feminismo poscolonial

O seminario ‘Transnational feminisms and the future to come’ aborda os retos que enfrontan os feminismos transnacionais 

A sesión estivo organizada polo Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 04/04/2022

As catedráticas en Ciencias Políticas da Universidade de Dresden Nikita Dhawan, e de Ciencias Políticas da Alice Salomon University of Applied Science de Berlín Maria do Mar Castro Varela impartiron este mediodía na Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo o seminario Transnational feminisms and the future to come, unha iniciativa do Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias, subgrupo incluído no Grupo Bifega: Estudos literarios e culturais, tradución e interpretación e, aínda que aberto a calquera persoa interesada na temática, especialmente dirixido ao alumnado de posgrao e persoal investigador nos ámbitos dos estudos feministas, poscoloniais ou de globalización.

Centrado nos retos máis urxentes aos que se enfrontan os feminismos transnacionais, o seminario contou coa participación de “dúas destacas académicas e activistas do feminismo poscolonial de renome mundial”, explica a docente e investigadora da FFT e organizadora da sesión, Belén Martín Lucas, que destaca o traballo de Dhawan e Castro con filósofas tan influíntes como Gayatri Spivak ou Judith Butler. “A nosa colaboración vén de hai moitos anos, desde o 2006, e xa visitaran a nosa universidade para impartir sesións no seminario Violencias (In)visibles, no ano 2009. Ademais de achegar un capítulo nun libro de ensaios e colaborar en diversos proxectos de investigación”, detalla Martín Lucas, que destaca a relevancia do pensamento teórico e crítico no ámbito dos feminismos poscolonais das relatoras.

A solidariedade a través das fronteiras e as crises como momentos de profundos cambios

Nikita Dhawan analizou na súa intervención a premisa da “solidariedade a través das fronteiras”, que prevalece nos discursos sobre a xustiza de xénero e baséase na esperanza de que un movemento cidadán transnacional de cooperación global podería contribuír á superación da violencia de xénero e acadar o obxectivo final da igualdade de xénero. A catedrática en Ciencias Políticas da Universidade de Dresden alertou dos riscos deste discurso, se ben é certo que a consideración da vulnerabilidade de xénero como espazo de axencia política pode xerar novos tipos de axencia colectiva, cómpre ter en conta quer a “sororidade global” tamén pode ser un instrumento útil para o neoliberalismo. Así mesmo, na súa intervención, Dhawan avaliou os límites da xustiza de xénero global desde perspectivas poscoloniais.

Pola súa banda, na segunda sesión do seminario, María do Mar Castro abordou no seu relatorio as crises como momentos de profundos cambios, tanto individuais, como colectivos, que modifican considerablemente a imaxinación do futuro por vir. Neste sentido, Belén Martín Lucas lembra que como consecuencia da mobilización LGBTIQ+ durante a crise da sida na década de 1980, por exemplo, “observamos a aparición de novos discursos sobre o tempo e o futuro, ademais de políticas dos coidados máis equitativas. A posibilidade dunha morte prematura levou a repensar as políticas do corpo, as biopolíticas e as necropolíticas”. Na súa intervención, Castro tamén ofreceu unha panorámica dunha teoría de fraxilidade que se opón ás políticas da forza e habilita a repensar o futuro por vir dun xeito máis xusto.