DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inserido nas actividades dunha Cátedra Jean Monnet e aberto a toda a cidadanía

Un seminario virtual explorará as oportunidades e ameazas que implica a dixitalización das administracións

Con inscrición gratuíta, terá lugar do luns 13 ao mércores 15

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 08/02/2023

A chamada transformación dixital facilita que múltiples trámites que antes requirían desprazarse á sede dunha determinada administración poidan hoxe realizarse de xeito telemático, mais á súa vez tamén pode dificultar o acceso de determinados colectivos aos servizos públicos. Ofrecer unha aproximación aos efectos da dixitalización das administracións, ao seu grao de desenvolvemento e ás oportunidades e ameazas que este proceso pode implicar constitúe o propósito central do seminario virtual Dixitalización, servizos públicos e Unión Europea. Trátase da primeira actividade formativa aberta a toda a cidadanía impulsada pola Cátedra Jean Monnet European Institutions and Citizens: Adapting the EU to the digitalisation challenges, que dirixe o profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Celso Cancela. 

Aberto a un máximo de 25 participantes, este seminario desenvolverase nas tardes do luns 13 ao mércores 15 no salón de actos virtual da Facultade de Dirección e Xestión Pública no Campus Remoto e permitirá afondar nun proceso que implica tanto unha transformación “da forma de interactuar coas administracións e co seu persoal”, como o propio “redeseño da xestión dos servizos públicos”, como lembra Cancela. Con inscrición gratuíta, que pode formalizarse a través da plataforma Bubela atas 14.00 horas do propio luns 13, o curso será impartido por Cancela e os tamén profesores da Área de Ciencia Política e da Administración e do Observatorio de Gobernanza G3 Bruno González e Mónica López Viso, integrantes do equipo docente desta cátedra.

Da análise global ás realidades concretas

“A dixitalización vai axudarnos con certos problemas, vai facer máis eficiente algúns procesos e mellorar a eficacia de outros, pero non podemos pensar que non van xurdir dificultades e obstáculos”, salienta Cancela, responsable de afondar no que supón este proceso de transformación dixital “desde un punto de vista económico, político e social”, na primeira sesión deste seminario. 

Partindo desta análise xeral, a segunda sesión, impartida por González Cacheda, estará dirixida a trazar “unha panorámica das iniciativas levadas a cabo” neste eido “desde a Unión Europea, desde o Estado Español e desde Galicia”, como apunta Cancela, que sinala que a dixitalización é “un proceso que se impulsa desde a propia UE e que logo vai chegando os estados” e aos diferentes niveis da administración. “O que queremos amosar neste bloque é a implicación que hai nos distintos niveis de goberno”, engade este docente, que incide na importancia que neste eido ten “a interoperatividade dos sistemas e trámites electrónicos”. 

Por último, a terceira das sesións, impartida por López Viso, porá o foco “na inclusión social na era dixital”, centrándose concretamente en analizar o grao de dixitalización das políticas sociais e, máis concretamente, dos servizos sociais, co obxectivo de pór o foco nas “trabas” que este proceso pode xerar nas relacións entre administracións públicas e cidadanía. “Seleccionamos este tema porque xa se están dando casos do que se chama burocracia dixital”, subliña Cancela, que apunta que “hai administracións que están a esixir a realización dos trámites online, pero nalgúns servizos, particularmente do ámbito social é fácil que se incorra en exclusión”. A partir deste caso concreto, o propósito deste seminario é tamén afondar en como “non todos os servizos, nin todas as administracións, poden dixitalizarse da mesma maneira”. 

O curso completarase así mesmo cunha parte práctica, na que se proporán unhas tarefas aos e ás participantes neste seminario que, no marco das actividades desta cátedra europea, desenvolverase de novo nos anos 2024 e 2025.