DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Educación e Traballo Social rende homenaxe ao alumnado e profesorado falecido nos últimos anos

Sempre con nós

Unha obra conmemorativa dos 20 anos deste centro recolle o seu legado académico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 26/11/2021

Baixo o lema Sempre con nós, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense rendeu este venres unha emotiva homenaxe ao alumnado e profesorado do centro falecido nos últimos anos, concretamente a Antonio López Castedo, profesor do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa; a Manuel Vidal López, profesor do Departamento Didácticas Especiais; a Alberto Beade Dopazo, alumno de Traballo Social, e a Indiana Ferro Varela, alumna de Educación Social.

O acto contou coa asistencia de, entre outros membros da comunidade universitaria, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Isabel Mociño, vicedecana da Facultade de Educación e Traballo Social, e familiares e amigos das persoas homenaxeadas. O acto comezou coa lectura dun texto escrito por Xosé Manuel Cid, decano da facultade organizadora, que se tivo que ausentar por motivos de saúde. Nel, o decano destacou que estas perdas foron “duros golpes” para o centro e fixo unha lembranza desde o afecto de cada unha das persoas homenaxeadas nun acto que, dixo, pretendeu ser un recoñecemento a elas “por ter contribuído ao crecemento desta institución”. Manuel Reigosa sumouse en nome da institución académica a este recoñecemento e, parafraseando ao escritor Luis Cernuda, lembrou que as persoas “somos memoria dunha pedra sepultada entre ortigas sobre a cal o vento escapa aos seus insomnios” pero, dixo en referencia aos homenaxeados, “mentres haxa lembranza seguirán connosco”.  

Lembranzas

O profesor Alfredo Campos foi o encargado no acto de lembrar ao profesor Antonio López Castedo, do que destacou que era “un namorado da universidade, á que dedicou a maior parte da súa vida”, salientando a súa paixón pola docencia e tamén pola investigación. Foi, dixo a filla do homenaxeado, Elena López, “un mestre de xeracións” do que puideron aprender valores como o esforzo e a perseverancia. De Manuel Vidal, Pedro Membiela, director da súa tese de doutoramento, rememorou a súa traxectoria docente e a súa paixón polo traballo no laboratorio, algo que tamén foi destacado pola súa viúva, Nelly, que amosou o seu desexo de que o traballo de Manuel “perdure no tempo”.

A profesora Ana Belén Méndez, directora do traballo fin de grao de Alberto Beade, foi a encargada de lembrar a un alumno “imprevisible e risoño” “cunha personalidade arroiadora e un gran defensor do traballo social desde unha perspectiva crítica”. Del, súa irmá, Iria Beade, destacou que foi unha persoa "xenerosa e valente" cunha gran vocación pola súa profesión. Por último, Águeda Gómez, directora do traballo fin de grao de Indiana Ferro, salientou dela que “representa o digno espírito do alumnado de Educación Social, espírito crítico, activista e apaixonado” e destacou, ao igual que a súa amiga Pilar Fernández, a súa calidade humana.

Durante o acto, presentouse a obra conmemorativa dos 20 anos da Facultade de Educación e Traballo Social, na que se inclúe o labor investigador das persoas homenaxeadas co obxectivo de “facer chegar ás futuras xeracións de mestras e mestres, de educadoras e educadores e de traballadoras e traballadores sociais estas mostras das súas achegas científicas”, tal e como indicou Xosé Manuel Cid nas súas palabras. O acto contou coa actuación musical de Ilduara Perianes e Miguel Sáez Sotelo, membros do Coro Universitario do Campus de Ourense.