DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Continuará en funcións a actual decana, Mercedes Gallardo, no cargo desde 2019

Sen candidaturas ao decanato da Facultade de Bioloxía

“Supón un traballo importante que o profesorado non está disposto a asumir”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
D. Besadío DUVI 10/03/2026

A Facultade de Bioloxía debería renovar este mes o seu equipo directivo, pero a falta de candidaturas obriga ao decanato actual, encabezado pola profesora Mercedes Gallardo, a manterse á fronte do centro co encargo de convocar nos vindeiros seis meses un novo proceso electoral. Súmase así este centro a unha tendencia que se vén manifestando na Universidade ao longo dos últimos anos e que se produciu hai apenas unhas semanas na veciña Facultade de Química, onde tampouco se rexistraron candidaturas á dirección, o que levou á profesora Ángeles Peña a continuar outros seis meses no cargo como decana en funcións.

“O profesorado debe entender que a dirección dun centro é unha tarefa de todos e que nalgún momento débese asumir un cargo de xestión do nivel que sexa”, explica Mercedes Gallardo, quen admite que “o decanato non é, precisamente, o órgano menos esixente en canto á intensidade das tarefas que acomete, pero co tempo acaba véndose como unha etapa gratificante e enriquecedora a nivel persoal e profesional”.

Un cargo cheo de tarefas e escasos recoñecementos

Profesora da Área de Fisioloxía Vexetal, Mercedes Gallardo, leva á fronte da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo dende decembro de 2019 -reelixida en febreiro de 2023-, se ben xa viña exercendo labores de xestión, nese caso como vicedecana,  desde setembro de 2012. Desde o seu punto de vista a falta de persoas candidatas á dirección dos centros débese a que “supón un traballo importante que o profesorado non está disposto a asumir”. Detrás desta negativa hai varias razóns, se ben, na súa opinión, poden resumirse en dúas: dunha banda, as limitacións que supón a dedicación prioritaria ás actividades investigadoras, que son máis rendibles en termos de promoción e económicos (sexenios); da outra, unha certa desidia para asumir cargos de xestión cando xa se alcanzou un determinado nivel de estabilidade laboral;  e a isto habería que sumar o escaso recoñecemento e incentivos da función decanal en relación con todas as tarefas que é necesario levar a cabo. 

“De todos os xeitos, creo que é algo preocupante e que debería ser analizado en profundidade nos órganos reitores a fin de promover accións que estimulasen a unha maior implicación do profesorado nos labores de xestión e, en particular, nos decanatos”, recalca a actual decana.

Xunto a ela completan o equipo directivo os vicedecanos Jesús Míguez -anterior decano do centro-, María Fuencisla Mariño -con longa experincia no vicedecanato- e os docentes Juan Pérez e Emilio Gil, este último, como secretario do centro.

Grao en Bioloxía e 7 mestrados en “mellora continúa”

Como principais logros acadados na facultade ao longo dos últimos anos, Gallardo destaca a “mellora continúa” das titulacións, o que incluíu a modificación do Grao en Bioloxía para a inclusión de 3 mencións na titulación (implantación en curso 2021-22); a adaptación das titulacións do centro -1 grao e sete mestrados- ao novo decreto (RD 822/2021) e a súa adscrición aos novos ámbitos de coñecemento, así como a nova modificación do Grao en Bioloxía para adaptar as mencións actuais ás esixencias do novo RD 822/2021. Nesta liña, Gallardo destaca que a nova modificación da titulación ofrecerá 3 mencións: Bioloxía aplicada á saúde, Bioloxía aplicada á produción e Bioloxía aplicada ao medio ambiente. A maiores, salienta tamén a elaboración da memoria inicial para a modificación do Máster en Biotecnoloxía Avanzada, coa novidade da inclusión dunha mención dual (implantación prevista para o curso 2027/2028).

Á marxe destas cuestións, outro aspecto moi importante foi afrontar a renovación da acreditación institucional ao longo de 2025, o que supuxo un “enorme esforzo” e que implicou a renovación da acreditación das titulacións, así como do sistema de garantía de calidade. Así mesmo, aprobouse un programa de desenvolvemento estratéxico cunha extensión ata 2028 e que inclúe accións destacadas en relación coa revisión da oferta de titulacións, fomentar accións de internacionalización, incrementar o sentido de pertenza ao centro (“en particular para profesorado de recente incorporación”), visibilizar a actividade investigadora dos grupos do centro, e levar a cabo estudos propios de inserción laboral dos titulados de grao e máster, “entre outras moitas”, recalca a aínda decana.

Durante os vindeiros seis meses centraranse na implantación da modificación realizada no grao con mencións de 48 ECTS, na finalización da modificación do Máster en Biotecnoloxía Avanzada para mención dual, así como en diversas melloras nos servizos e infraestruturas, “seguindo a liña xa iniciada en cursos previos”.