DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así se expuxo este xoves nunha mesa redonda na Facultade de Filoloxía e Tradución

A serie animada Sonic Prime pon de relevo a elevada calidade da dobraxe en galego

Participaron os actores de dobraxe Eloy Pérez e Yhadira García, voces de Knuckles e Tails

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Académica
D. Besadío DUVI 13/04/2023

A dobraxe ao galego da exitosa serie animada Sonic Prime, estreada o pasado mes de decembro en Netflix, foi este xoves o fío condutor dunha mesa redonda celebrada na Facultade de Filoloxía e Tradución sobre á situación da dobraxe en Galicia. FÍxose da man de dous dos seus protagonistas, os actores de dobraxe Eloy Pérez, que na serie pon voz a Knuckles, e Yhadira García, que encarna a Tails. Ambos compartiron co alumnado do centro a experiencia de participar nun proxecto que fixo, por primeira vez, falar en galego ao famoso Sonic o Ourizo, protagonista desta longa saga de videoxogos da multinacional xaponesa Sega.

Organizada polo Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo, ETIV, en coordinación co Máster en Tradución para a Comunicación Internacional e o programa de doutoramento de Tradución e Paratradución, encargouse de moderar o debate o profesor Ramón Méndez, especialista en tradución de videoxogos.

Proxectos que chegan impulsados pola nova Lei do Audiovisual

Tal e como explicou Méndez, tanto Eloy como Yhadira contan, pese a súa xuventude, cunha longa traxectoria profesional no mundo da locución e a dobraxe, pero para ambos foi a primeira vez que tiveron a oportunidade de participar na dobraxe dunha serie baseada nun videoxogo, e fixérono ao grande, nada máis e nada menos que coa serie Sonic Prime, que conta coa excelsa tradución de Manuel Arca. “Para nós foi o que se pode dicir un auténtico ‘puntazo’”, salientaron intres antes de iniciar a súa charla na FFT. “Un ‘puntazo’ a nivel persoal, pero tamén para todo o mundo da dobraxe en galego”, explicou Eloy Pérez, quen ten dobrado xa para plataformas como Discovery, HBOMax ou Amazon Prime.

“A chegada da nova Lei do Audiovisual e o gran nivel da dobraxe en galego permiten que cheguen a nós produtos de elevadísima calidade que doutra maneira sería moi difícil que chegasen”, salientou Yhadira, quen insistiu na idea de que a calidade da dobraxe en galego está moi por enriba de calquera outra. “Tanto Eloy coma min criámonos vendo debuxos animados en galego na Televisión de Galicia, os dous formamos parte da denominada Xeración Xabarín e poder participar neste proxecto foi unha oportunidade única”, explicou esta actriz de dobraxe, quen leva anos dobrando para plataformas como Disney +, HBOMax, Netflix ou Amazon. “Penso que esta serie é a primeira pedra para que a tradución galega volva colocarse onde estaba na década de 1990”, engadiu Eloy.

‘Moinante, papaxoubas...’, traducións con dimensión propia

Na súa charla falaron do proceso dos procesos de selección de voces, da importancia dos guións, de como a medida que van pasando capítulos o locutor se vai adaptando ao personaxe ata o punto de chegar a darlle o seu propio matiz e, sobre todo, das avantaxes de traducir ao galego. “É un idioma marabilloso que che permite darlle os personaxes unha dimensión distinta”, recalcou Eloy, quen admitiu que a través de numerosos foros lle están a chegar casos de persoas doutras comunidades que ven a serie en galego, polo particular que é a tradución a este idioma. 

Como anécdotas contaron casos como a tradución da frase ‘como me des te la devolveré’ que en galego se traduciu como ‘se me das cobras’, “un bo exemplo da dimensión propia que permite facer a tradución ao galego”. Esa dimensión propia chega tamén aos insultos, onde palabras como ‘moinante’, ‘papaxoubas’, ou ‘minchas’ dan bo exemplo das licenzas que permite este idioma á hora de traducir, recalcaron durante o encontro co alumnado.