DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Máster Class Audiovisual Galego dedicará tres das súas sesións a esta produción

A serie ‘Rapa’ será a gran protagonista da décimo segunda edición de Augal

Da programación forman tamén producións como ‘Operación Marea Negra’ ou ‘Welcome to ma maison’ 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 17/10/2022

Coñecer un proxecto audiovisual desde dentro, afondando nas diferentes fases do desenvolvemento dunha longametraxe de ficción, dun documental ou dunha serie de televisión, nas verbas dos seus directores, produtores ou guionistas. Esta é a posibilidade que cada curso brinda ao alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a Máster Class Audiovisual Galego Augal, que entre este martes 18 e o 14 decembro desenvolverá a súa décimo segunda edición, que terá como principal protagonista á serie Rapa. Coa participación, entre outros, do seu director e guionista, Jorge e Pepe Coira, a serie de Movistar+ centrará as tres primeiras sesións dunha máster class promovida co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic) e aberta á toda a cidadanía. O documental Welcome to ma maison, a serie Operación Marea Negra e a longametraxe de ficción Jacinto completan unha edición que se clausurará en decembro coa entrega do premio á mellor curta do alumnado da facultade.

Coordinada polos profesores Miguel Anxo Fernández e Paulino Pérez, a programación de Augal 2022-2023 presentouse este luns na Casa das Campás, nun acto que contou coa intervencións do secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; a vicerreitora do campus, Eva Lantarón, e a decana de Ciencias Sociais e da Comunicación, Emma Torres. “Esta máster class danos a oportunidade de conectar o alumnado con profesionais destacados do sector audiovisual galego”, salientou Lantarón, que lembrou tamén que, ao longo das súas once edicións anteriores, Augal levou ao campus preto dun centenar de profesionais e contou coa participación de preto de 1500 estudantes. 

“Augal tense convertido sen dúbida nunha referencia do audiovisual galego”, engadiu Torres, que destacou esta iniciativa como unha “cita fixa” que complementa a formación do alumnado de Comunicación Audiovisual e que contribúe “a que nunca perdamos o estar en contacto coa realidade do sector”. Nese senso, esta máster class busca “defender a calidade e bo facer do audiovisual galego”, engadiu a decana, que incidiu no bo momento que atravesa unha industria que “está facendo que a identidade galega transcenda máis aló das nosas fronteiras”. Nesa mesma liña, Lorenzo destacou a programación de Augal “como unha metáfora do que está a ser o audiovisual galego, con producións dunha enorme calidade” e unha gran diversidade de proxectos, o que levouno á súa vez a destacar o valor desta actividade como un “punto de encontro” que achega ao alumnado “a oportunidade de ver os proxectos desde dentro, as tripas dunha produción audiovisual”. 

Sete sesións por diante

Con inscrición gratuíta, que pode realizarse tamén de xeito presencial ao inicio da sesión deste martes, a décima segunda edición de Augal arranca cun primeiro achegamento a Rapa, da man do seu guionista, Pepe Coira. “Rapa ten unha produción bastante complexa e para nós é unha sorte poder ter un programa como este”, salientou Paulino Pérez na presentación dunha programación que levará á facultade a diferentes membros do seu equipo técnico. Concretamente, o luns 24 intervirán en Augal o seu montador e director, Jorge Coira, e os compositores da súa banda sonora, Xavi Font e Elba Fernández, mentres que o 15 de novembro participarán o seu sonidista, Diego Staub, e o exalumno da facultade Alfonso Merino, que traballou na posprodución. 

Á semana seguinte, o 22 de novembro, Augal permitirá coñecer Welcome to ma maison, o novo filme documental do director de Dohgs, Andrés Goteira, quen estará acompañado polos produtores, Laura Doval, tamén exalumna da facultade, e Suso López. A seguinte sesión estará dedicada á serie Operación Marea Negra, nun encontro cos produtores executivos e Mamen Quintas e Toni Veiga. Por último, o luns 12 de decembro poderá verse a longametraxe Jacinto, “unha historia de terror diferente, feita con poucos cartos pero con moitas ganas”, que presentará na facultade o seu director e guionista, Javi Camino.

A “canteira” porá o peche

Como complemento a “un programa moi variado”, como sinalou Pérez, Augal pecharase o 14 de decembro cunha sesión titulada A canteira da FCSC, na que se outorgará un premio á mellor curta realizada o pasado curso polo alumnado da facultade. Trátase dunha iniciativa da que xa se fixo “unha primeira proba” na anterior edición de Augal, na que foi premiada a curta O que queda de nós, e á que neste 2022 se lle dá continuidade cunha sesión na que se presentará “unha escolma de dez curtas”, que serán avaliadas tanto por un xurado como polo público asistente. Deste xeito, búscase “dar visibilidade cara fóra aos traballos do alumnado”, subliñou Pérez, que lembrou o orgullo que supón para a facultade os premios que acumulan as curtas de estudantes e titulados. De feito, lembrou, a estudante de Comunicación Audiovisual Aslhing Ocampo convertíase esta fin de semana en gañadora do concurso A Fume de Carozo, en Vedra, tras ser recentemente galardoada no concurso Fas Muvis, do Festival de Cine de Ourense, no que o primeiro premio foi para o titulado David Arosa.