Trátase dunha nova iniciativa do colectivo eXXperimenta en Feminino
A serie de vídeos ‘Exploradoras do Universo’ busca espertar as vocacións científicas desde unha perspectiva de xénero
Está composta por seis animacións doutras tantas mulleres que contribuíron á chegada á Lúa
O colectivo eXXperimenta en Feminino, composto por profesoras e investigadoras de Ciencias, Enxeñaría Informática e Aeroespacial do campus de Ourense, pon en marcha unha nova iniciativa divulgativa. Trátase dunha serie de vídeos titulada Exploradoras do Universo nas que se recolle a biografía e logros de mulleres que co seu coñecemento e traballo axudaron a que a humanidade pisara a Lúa.
A iniciativa, explican desde a súa organización, dá continuidade a outras accións divulgativas deste colectivo como as exposicións itinerantes Mulleres na ciencia e As mulleres que nos levaron á Lúa e os libros Elas leváronnos ao espazo e E tí que científicas coñeces? Exploradoras do Universo, detallan, é “unha serie de pílulas divulgativas que a través de pequenos vídeos de animación conta a historia desas mulleres e das súas achegas á ciencia”.
De Valentina Tereshkova a Rita Rapp
A serie está composta por seis vídeos nos que se recolle a biografía e logros de Valentina Tereshkova, Christine Darden, Frances Northcutt, Galina Balashova, Mary Sherman e Rita Rapp. Trátanse, explican desde eXXperimenta, de “astronautas, matemáticas, químicas, arquitectas, informáticas e fisiólogas que posibilitaron as viaxes espaciais” craves no éxito da misión do Apolo XI e na posterior exploración do espazo. “Elas calcularon as traxectorias de voo, programaron os primeiros computadores, descubriron o combustible dos foguetes e deseñaron o interior dos transbordadores, entre outras moitas cousas. Sen elas, hoxe non estariamos a falar da próxima misión á Lúa ou de poñer un pé en Marte”, afirman.
Con estes vídeos, de aproximadamente dous ou tres minutos e especialmente pensados para a súa proxección en centros educativos, o público pode coñecer “referentes de mulleres científicas dunha forma amena: viaxaremos pola historia, descubrindo as achegas de mulleres, en distintos ámbitos das disciplinas CTEM, que fixeron posible a exploración espacial”. Con eles eXXperimenta en Feminino quere continuar traballando na súa liña de espertar as vocacións científicas entre o colectivo infantil e adolescente, especialmente en nenas e rapazas, coa convicción de que “o camiño para aumentar a presenza feminina no ámbito científico tecnolóxico require que nenos e nenas teñan referentes femininos nestas disciplinas”.
Para a elaboración destas pílulas contaron coa ilustradora MeliMolita e as voces de Susana Novoa, profesora de Lingua e Cultura Española no Liceo Lingüístico de Varesee (Italia), e Alma Gómez, profesora da Universidade de Vigo. A elaboración dos vídeos correu a cargo de Inés Álvarez, Mª das Nieves Lorenzo e Encina Calvo, profesoras das universidades de Vigo e Santiago de Compostela. O financiamento foi achegado pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.