DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa celebración dunha xornada de dous días de convivencia

A Serra do Xurés será en outubro punto de encontro de profesionais, alumnado e profesorado de Educación Social

Participan universidades e órganos colexiais de Galicia, Asturias e Portugal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 22/07/2022

Os días 1 e 2 de outubro, a Serra do Xurés, na provincia de Ourense, converterase en punto de encontro de profesionais, alumnado e profesorado de Educación Social. Será na celebración da Convivencia Interuniversitaria e Profesional da Educación Social, que contará coa participación de universidades e órganos colexiais de Galicia, Asturias e Portugal.

Participar da cultura e da contorna

A cita, organizada polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia co apoio da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo, foi presentada este venres no campus de Ourense. No acto, Elena Rivo, vicerreitora deste campus, destacou a complexidade de organizar actividades deste tipo e felicitou á organización polo traballo feito. Da convivencia que terá lugar en outubro no Xurés subliñou o interese de implicar nas actividades universitarias outros territorios, neste caso Asturias e norte de Portugal, e sobre todo zonas rurais. “Quero e penso que debemos como universidade pública ampliar o noso campo actuación. Unha provincia como Ourense debe pór en valor o rural e os seus valores”, afirmou a responsable institucional. Ademais Elena Rivo recalcou que desde o ámbito académico “non só temos que transmitir coñecementos senón tamén experiencias e trasladar á sociedade todo o que facemos” con actividades como a presentada este venres.

Pola súa banda, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, subliñou a vocación deste centro de “trasladar a universidade ao exterior e recibir o que nos poida vir do exterior”. Así, por unha banda destacou a “relación extraordinaria” da facultade cos profesionais e entidades profesionais do eido da Educación Social pero tamén as sinerxías con Portugal e Asturias e co rural. Sobre a xornada que se celebrará no Xurés recalcou ademais que “a nosa vocación é sempre sumar esforzos en favor da educación social e da cidadanía que é destinataria desta educación e que mellor que ir á cidadanía do rural, que está tan falta de servizos”. A universidade, dixo o responsable académico, “non é só aprender catro materias senón tamén participar da cultura e da contorna”.

Dous días de programación moi diversa

Deibe Fernández-Simo, vogal do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia e profesor da Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense, é o coordinador do evento e foi o encargado de explicar en detalle unha convivencia que, recalcou, quere “pór en valor todo o que ten que ver coa Educación Social”. A iniciativa, dixo, “trata de rachar as barreiras que temos habitualmente entre as universidades” facilitando “espazos de encontro” e entre alumnado e profesionais. Segundo explicou, a elección dun núcleo de alta montaña para este fin aséntase na idea de achegar ao alumnado universitario para que conecte cos valores sociais, etnográficos, naturais e culturais do rural raiano do sur de Ourense. Ademais do interese educativo, pedagóxico e social da actividade, o seu coordinador tamén destaca o seu impacto en toda a comarca da Baixa Limia. A elección da data, engadiu, tampouco é casualidade, pois este encontro servirá como conmemoración do Día Internacional da Educación Social, que se celebra cada ano o día 2 de outubro, e “converterá a Ourense esa fin de semana nun centro de referencia nesta celebración”.

A convivencia contará cun intenso programa de actividades que comezará o sábado pola mañá coa celebración do Seminario Internacional de Educación Social, no que ademais de conferencias haberá obradoiros impartidos por especialistas en diferente ámbito e centrados en temas como o acompañamento socioeducativo con adolescencia en medio aberto; a mirada filiativa en acompañamento socioeducativo; a atención xerontogóxica centrada na persoa; o patrimonio e xogos populares; a perspectiva queer en educación social e a xeragoxía. Pola tarde terá lugar unha feira de entidades de educación social, presentacións de libros, lectura do manifesto polo Día Internacional da Educación Social e outras actividades como xogos populares, exhibición de traballos de tracción animal, a exposición fotográfica Bravas do Xurés e representación dos traxes de entroido da Baixa Limia. Á noite celebrarase un magosto popular e o festival de música Xurés Son. Por último, na mañá do domingo poderá realizarse un roteiro guiado por lugares de interese do Parque Natural da Serra do Xurés e terán lugar as conclusións da convivencia.

A actividade, indican desde a súa organización, “pretende crear lazos e dinámicas de relación entre profesionais e estudantes de territorios tan próximos como Galicia, Asturias e Portugal”. Isto, detallan, farase a través dun programa de actividades nas que tamén terán un papel importante os axentes locais e a veciñanza. Así, as actividades propostas pretenden facilitar o intercambio de coñecementos interxeracionais, a reivindicación do papel da muller na sociedade rural galega, a sensibilización no respecto á diversidade e a posta en valor do comunitarismo rural entre mocidade. Desde o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia sinalan que as actividades do sábado á tarde e o festival de música son de entrada libre, habendo diferentes opcións de inscrición para quen queira participar noutras actividades.

Para levar a cabo esta actividade, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia conta, ademais de co apoio da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Deputación de Ourense, os concellos de Lobios e Entrimo, as facultades de Educación das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Oviedo a Facultade Padre Ossó da Escola Superior de Educaçao de Viseu, en Portugal, entre outras entidades e colectivos.