DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O amigable enfrontará a profesores e alumnos

O Servizo de Deportes en colaboración con Unicef organiza un partido solidario

O encontro terá lugar o sábado 5 de abril ás 12.00 horas

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Marta Casanova DUVI 25/03/2008

A organización non gobernamental, Unicef, en colaboración co Servizo de Deportes do campus organiza o partido de fútbol solidario entre profesores e alumnos Únete pola infancia con Unicef. O amigable, que terá como obxectivo a recadación de fondos para os proxectos humanitarios que a entidade desenvolve, terá lugar o sábado 5 de abril ás 12.00 horas no Pavillón de deportes do campus.
Segundo Roberto Alberte, técnico do Servizo de Deportes, a acollida da iniciativa por parte da comunidade universitaria está a ser moi boa, “xa temos profesores inscritos de todas as titulacións, e dos alumnos estanse a encargar dende a Delegación de Alumnos da Facultade de Ciencias da Educación. Vai ser un acontecemento eminentemente lúdico, xa que o partido non ten caracter oficial nin premio aos vencedores”.

Como colaborar

Os interesados en xogar deberán inscribirse no correo depor-ou@uvigo.es ou chamando ao 988387198. Ademais todos aqueles que non desexen participar no encontro pero queiran colaborar coa iniciativa, poden mercar unha das 2000 entradas que os voluntarios de Unicef están a vender polo campus a un prezo simbólico de un euro para axudar na captación de fondos.