DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Servizo de Deportes ultima os preparativos para o Maratón Solidario de Aeróbic

Celebrarase o vindeiro 9 de marzo de 11.30 a 13.30 horas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
D. Besadío DUVI 26/02/2008
Con previsións de superar os 250 participantes, o Servizo de Deportes está a ultimar os preparativos do Maratón Solidario de Aeróbic que o vindeiro 9 de marzo reunirá no pavillón universitario do campus a persoas interesadas en divertirse facendo deporte e, ao tempo, contribuír a unha boa causa.
A iniciativa, que chega xa a súa cuarta edición e conta coa colaboración de Unicef, está aberta a calquera persoa interesada en participar, establecéndose un único requisito: colaborar con alimentos non perecedoiros ou con material escolar que a organización humanitaria entregará nalgún dos seus proxectos con nenos en países en vía de desenvolvemento.
Os interesados en participar non terán necesidade de inscribirse, poderán achegarse libremente ata o pavillón, onde en lugar de pagar unha entrada, farán entrega das súas doazóns.

Por primeira vez o maratón será en domingo

Por primeira vez a proba realízase un domingo polo mañá, de 11.30 a 13.30 horas, unha novidade que se introduce este ano e coa que os organizadores pretenden “facilitar aínda máis a participación”, tal e como indicaba o técnico Gustavo Loureiro. “O obxectivo é cada vez máis xente se implique en proxectos para axudar aos países en vías de desenvolvemento e, xunto a isto, fomentar a práctica do deporte”, continuou.
Para a realización do maratón instalarase no pavillón unha tarima principal na que, cada 15 minutos, se irán rotando os participantes e, con eles, o estilo e a música. Durante ese tempo, os participantes levarán a cabo unha serie de coreografías de distintas modalidades de aeróbic seguindo as instrucións do Club de Ximnasia Aeróbica da UVigo e de ximnasios da cidade que habitualmente colaboran co Servizo de Deportes.