DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A matrícula dos obradoiros de extensión xa está aberta cunha oferta de preto de 200 prazas

Sete cursos para "estender" os teus coñecementos tecnolóxicos, medioambientais ou artísticos

Desenvolveranse no campus, en varias localizacións de Vigo e no Bierzo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cursos
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 26/05/2026

Con catro novas propostas, do total de sete que se impartirán, a UVigo iniciará o 8 de xuño unha nova quenda de cursos de extensión no campus vigués, unha oferta caracterizada pola súa “transversalidade, que aborda temáticas que non se tratan nas aulas e que non precisa unha base de coñecemento previa”, explica Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria. Nas semana previas ao inicio das formacións, Reboreda destaca o incremento experimentado nos últimos anos na solicitude e na propostas de cursos de extensión, “cando eu cheguei a principio do mandato, no campus de Vigo, as solicitudes que se presentaban eran inferiores á oferta posible de cursos, pero nos dous últimos anos presentáronse máis solicitudes que dispoñibilidade, o que demostra que é unha opción que triunfa”.

Xornadas de botánica de campo: observación, identificación e usos da flora local; Mala muller. Arquetipos femininos no terror; O corpo na arte contemporánea dende unha perspectiva interdisciplinar e Robótica open source: deseña, imprime e programa o teu robot, son os cursos que este ano se incorporan por vez primeira á oferta do campus vigués. Unha proposta á que Reboreda invita a participar, non só aos membros da comunidade universitaria, senón a toda a sociedade, “porque creo que é un xeito de formación diferente e atractiva, cun alto compoñente práctico e que se fan en lugares diferentes aos que habitualmente utilizamos para impartir docencia”.

A matricula que se abriu o 18 de maio pechará en función das datas nas que se imparte cada un dos cursos e pode realizarse a través de Campus Activo.

A oferta polo miúdo 

O primeiro dos cursos que se impartirá será o de Xornadas de botánica de campo: observación, identificación e usos da flora local, a cargo da docente do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo María Cabaleiro Alfaya. Unha formación de 25 horas, que oferta 24 prazas e que se desenvolverá na Facultade de Bioloxía, entre o 8 e 12 de xuño.

O edificio Redeiras, pola súa banda, acollerá entre os días 29 de xuño e 22 de xullo, o curso Mala muller. Arquetipos femininos no terror. Xiana Vázquez Bouzó, docente do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá, será a encarga de impartir as 32 horas desde curso que oferta 20 prazas.

Do 10 ao 12 de xullo a actividade dos cursos de extensión desprazarase a Villafranca do Bierzo en León, onde se desenvolverá unha das formacións máis veteranas, Patrimonio natural e cultural do Bierzo: o sendeiro faise camiñando. A docente e investigadora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Josefina Garrido será, un ano máis, a encargada de dirixir o curso que oferta 60 prazas. 

O catro restantes desenvolveranse á volta da vacacións de verán, comezando o 31 de agosto por Fai o teu propio satélite. Guillermo Calvo, investigador de atlanTTic, impartirá as 30 horas da formación ata o 4 de setembro na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. 25 son as prazas ofertadas para este curso. Do 1 ao 9 de setembro no Hospital Álvaro Cunqueiro impartirase o curso Enfrontarse as urxencias cardiovasculares dende o ámbito clínico e tecnolóxico. A docente asociada de Ciencias da Saúde María Sol Bravo dirixe esta formación de 25 horas que oferta 24 prazas. 

E para rematar, O corpo na arte contemporánea dende unha perspectiva interdisciplinar e Robótica open source: deseña, imprime e programa o teu robot, pecharán entre o 23 de setembro e o 9 de outubro esta oferta formativa do Vicerreitoría de Extensión. Iria Vázquez, docente do Departamento de Debuxo, impartirá o primeiro dos cursos no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, mentres que o enxeñeiro Yago González dirixirá o segundo na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.