DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Carmen Pomar presidiu hoxe a reunión telemática de constitución do comité 

Sete expertos externos constitúen o comité científico que avaliará a acreditación dos campus para a súa especialización estratéxica

Vigo Tecnolóxico  Campus Auga  e Campus Crea (Pontevedra), son os campus de especialización da UVigo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigar
DUVI 22/06/2020

“É un procedemento único no conxunto do Estado co que se busca mellorar a dinámica de funcionamento futuro dos campus de especialización, impulsar o labor de investigación e mellorar a calidade da docencia, dotándoos dunha identidade propia e en estreita relación co potencial económico e as necesidades da súa contorna máis próxima”. Así se referiu hoxe a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, ao proceso de constitución do comité de científico encargado de avaliar o proceso de acreditación dos campus de especialización, que tivo lugar este mediodía nunha xuntanza telemática que presidiu a titular de Educación da Xunta.

O comité, composto por sete avaliadores externos de recoñecida traxectoria no ámbito da estratexia universitaria e alleos ao Sistema Universitario Galego, iniciarán agora o traballo de análise e supervisión das propostas ás que teñen que someterse as universidades. Clara Eugenia García, conselleira de Ciencia e Innovación e representante permanente de España ante a UE; José García Montalvo, Catedrático de Economía da Universidade Pompeu Fabra, comisionado para a Estratexia Científica e investigador ICREA-Academia; Francisco Gracia, catedrático de Bioloxía Celular da Universidade de Córdoba; Victoria Ley Vega de Seoane, doutora en Bioquímia e Bioloxía Molecular, e responsable da división de Avaliación, Coordinación e Seguimento Científico e Técnico da Axencia Estatal de Investigación (AEI); Juan Ignacio Pérez, catedrático de Fisioloxía na Universidade do País Vasco e director da Cátedra de Cultura Científica desta Universidade; Enric Banda i Tarradellas, director da área de Ciencia, Investigación e Medio Ambiente da Fundación “La Caixa”; e Salvador Carmona, reitor da IE University, integran o comité encargado da acreditación, un proceso aberto no tempo ao que cada universidade se pode presentar cando considere oportuno e que culminará coa sinatura dun convenio economicamente dotado en función da proposta que faga a propia universidade así como do informe dos expertos que participan no proceso.

Oito proxectos de especialización con distintos graos de evolución

O Programa de Especialización dos Campus do SUG arrancou no ano 2013 co obxectivo de promover a especialización e diferenciación dos campus a través da colaboración estratéxica e do aproveitamento das potencialidades económicas das contornas máis próxima e permitiu o desenvolvemento de oito proxectos:  Vigo Tecnolóxico (Vigo), Campus Auga (Ourense) e Campus Crea (Pontevedra), na Universidade de Vigo; Campus Industrial (Ferrol), Campus Innova e Campus da Sustentabilidade (A Coruña), da Universidade da Coruña (UDC) e o Campus Terra (Lugo)e o da Cidadanía da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Logo de superada a fase inicial de deseño e posta en marcha dos mencionados campus de especialización, e de abrir o proceso de acreditación no que deben participar todos os campus, o comité de avaliación que hoxe quedou constituído será agora o encargado de analizar a documentación remitida polas universidades, manter reunións directas cos responsables dos campus e elaborar os informes de avaliación correspondentes.

En función de ditos informes a Consellería de Educación -a través da Secretaría Xeral de Universidades- resolverá a concesión da acreditación coa cualificación obtida que poderá ser ben para o período 2019-2022, ben para o período 2019-2021 suxeito a obriga de presentar un informe de progreso intermedio sobre o avance do plan operativo; ou ben que non supera o proceso de acreditación.

Para someterse a acreditación cada Universidade deberá achegar documentación específica sobre cada campus de excelencia onde se identifique, entre outros, liñas de especialización no ámbito da docencia (relación de títulos de grao, mestrado e doutoramento vencellados directamente a esa especialización), de investigación (relación das estruturas de investigación como grupos, institutos, centros de investigación e outras estruturas supragrupais), ou alianzas estratéxicas con empresas e institucións. Así mesmo deberán presentar un informe de autoavaliación (que inclúa indicadores sobre organización e gobernanza, estratexia, docencia, investigación, interacción co tecido produtivo e información pública e transparencia), un plan operativo e un plan de viabilidade económica para o período 2019-2022.