DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha mesa redonda que terá lugar o día 7 de marzo no campus de Ourense

Sete investigadores co selo Highly Cited Researchers debaterán sobre os grandes retos da política científica

A actividade é aberta a todas as persoas interesadas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Reitor
  • Visitas
  • Investigación
DUVI Ourense 28/02/2019

O día 7 de marzo o campus de Ourense acollerá unha mesa redonda que baixo o título A Universidade cara a excelencia científica reunirá a sete destacados investigadores e investigadoras que teñen no seu currículo o selo Highly Cited Researchers para debater sobre os grandes retos da política científica. Nela abordaranse aspectos como o financiamento, os programas de atracción de talento, a comunicación e o impacto científico, a ética na investigación, as boas prácticas en bibliometría e as publicacións en acceso aberto, entre outras cuestións.

Referentes na investigación

A mesa, que estará presidida por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, contará coa participación de Jesús Simal, catedrático de Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Vigo; Maurizio Battino, investigador distinguido na Universidade de Vigo experto en bioquímica; David Posada, catedrático do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Universidade de Vigo; Luis Liz Marzán, director científico do CICbiomaGUNE, no País Vasco, e Juan José Nieto, catedrático de Análise Matemática da Universidade de Santiago de Compostela. Completan o panel Lillian Barros e Isabel Ferreira, procedentes do Centro de Investigação de Montanha (CIMO) do Instituto Politécnico de Bragança, en Portugal, experta a primeira en fitoquímica, bioquímica e química analítica e a segunda en química e tecnoloxía de produtos naturais.

Todos eles e elas foron incluídos nalgún momento na Highly Cited Researchers List, o listado anual das e dos investigadores máis citados elaborado por Clarivate Analytics e baseado nos traballos publicados e citados durante a última década. Desde a organización da cita poñen o aceno en como tres dos participantes son investigadores da Universidade de Vigo (Jesús Simal, Maurizio Battino e David Posada) e como un o foi no pasado (Luis Liz Marzán). Neste último caso, subliñan a satisfacción que supón para a Universidade de Vigo o feito de contar coa participación nesta mesa redonda de Liz Marzán, que desenvolveu boa parte da súa traxectoria tanto docente como investigadora na Universidade de Vigo e que recentemente recolleu o Premio Nacional de Investigación.  

Temas de actualidade

María Belén Rubio, vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, explica como a idea de facer esta xornada xurdiu “ante a circunstancia de que este ano catro investigadores galegos ou con relación con Galicia acadaron o selo de Highly Cited Researchers”, como son Jesús Simal, Maurizio Battino, Luis Liz Marzán e Juan José Nieto. “Tendo estes investigadores tan excelentes pensabamos que podería ser un bo momento para facer con eles unha análise dos aspectos máis salientables da política científica”, comenta a vicerreitora. Así, sinala, durante a mesa redonda debaterase sobre  “aspectos de actualidade da política científica e de I+D, como os efectos da crise, o envellecemento das plantillas, o relevo xeracional, a captación de talento, o control administrativo, a burocratización da investigación e o papel das comunidades autónomas”. A participación no debate do italiano Maurizio Battino e de Lillian Barros e Isabel Ferreira, procedentes de Portugal, engade, permitirá ter unha perspectiva internacional destes temas, podendo comparar as políticas científicas en diferentes países europeos. Sobre a importancia de escoitar a visión que teñen estes investigadores e investigadoras, a vicerreitora sinala por último como “un dos requisitos para que a ciencia e as propias universidades medren é ter xente moi eficiente e moi boa, investigadores e investigadoras excelentes” polo que recalca a importancia de coñecer as súas necesidades, problemáticas e opinións respecto á política científica.

A xornada, que terá lugar na sala Emilia Pardo Bazán, no soto do Edificio de Ferro, ás 17.00 h, está aberta á asistencia da comunidade universitaria e científica e das persoas interesadas.